O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron a exposición da Ánxel Casal

A Xunta pon en valor as obras de graffiti do Xuventude Crea, que premiou a máis de 36 mozos galegos durante os últimos 10 anos

O Goberno galego destinou neste tempo 55.000€ a premiar as obras galardoadas na modalidade de Graffiti

Desde a súa creación, o programa premiou 456 obras cun orzamento de 649.000 euros e concedeu 58 mencións de honra sen dotación económica

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

A Xunta pon en valor as obras na modalidade Graffiti do programa Xuventude Crea realizadas por mozas e mozos galegos durante os últimos dez anos. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron a exposición realizada na biblioteca pública Ánxel Casal que conta con algunhas obras premiadas e finalistas na edición do ano pasado.

O secretario xeral de Cultura subliñou a capacidade e a calidade creativa destes autores mozos que, segundo dixo, contan con todo o apoio da Xunta de Galicia a través de iniciativas como Xuventude Crea, e que se completan con outras liñas como é o caso do Encontro de Artistas Xoves, que promove a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Así mesmo aproveitou para convidar á cidadanía achegarse á biblioteca Ánxel Casal para gozar destas obras que agora se expoñen ao público.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou que o goberno galego entregou galardóns na categoría Graffiti a 36 mozas e mozos durante este tempo, para o que destinou 55.000€. Así mesmo, durante este tempo tamén se entregaron sete mencións de honra sen dotación económica. “Un xeito de premiar e promover o talento da mocidade galega”, sinalou.

No conxunto do programa, a Xunta premiou 456 obras cun orzamento de 649.000 euros e 58 mencións de honra nas diferentes categorías. Actualmente, o Xuventude Crea conta con 14 especialidades: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (coas modalidades de pintura e escultura).

Obras expostas

En concreto, trátase dos tres graffitis premiados: ‘O raposo’, do artista coruñés Javier Caamaño; ‘Estilo en continua construción’, do vigués Adrián Lomba; e ‘Entusiasmo luminoso’, do mozo Daniel Fernández, de Baiona. Así mesmo, tamén se exporán a obra merecedora da mención de honra, ‘Escornabois’, da coruñesa Fernanda Rodríguez; e outras dúas obras finalistas: ‘Macaco’, do coruñés Ismael Pérez; e ‘Level’20’, de Daniel Abreu, de Navia.

Esta exposición enmárcase dentro do novo proxecto da Consellería de Política Social, que trata de poñer en valor e darlle visibilidade ás obras das persoas mozas premiadas de cada edición, máis alá da celebración das diferentes fases finais. Así, ademais desta mostra, organizaranse este ano outras actividades destacadas, como unha exposición itinerante retrospectiva sobre o pasado e o futuro do programa, ou a publicación da novela curta gañadora ‘Cando sangren os lobos’, por Edición Xerais. Cómpre lembrar que a categoría de novela curta foi unha das novidades incorporadas a este certame en 2020.

Imaxes relacionadas