A Xunta remata as obras de renovación da fachada e da cuberta do centro de saúde de Ortigueira que contaron cun investimento de máis de 277.000 euros

O delegado territorial visitou o edificio e recalcou que que nos orzamentos de 2021, no referido ás partidas económicas do Programa de Atención Primaria a Xunta contempla un incremento do 108%, pasando de 26 a 55 millóns de euros

Ortigueira (A Coruña), 11 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, visitaron esta mañá o centro de saúde de Ortigueira no que se levou a cabo una obra de substitución da cuberta e reparación da fachada. A Consellería de Sanidade investiu nesta actuación máis de 277.000 euros.

O representante do Goberno autonómico destacou a dobre utilidade desta obra xa que por unha parte supuxo aplicar un novo sistema de impermeabilización do conxunto das cubertas para evitar filtracións de auga e por outra solucionouse o perigo de desprendemento do aplacado da lousa da fachada do edificio en dous dos seus patios interiores.

Gonzalo Trenor incidiu que este tipo de investimentos forman parte do Programa de Atención Primaria da Xunta de Galicia que nos orzamentos de 2021, no referido ás partidas económicas, contempla un incremento do 108%, pasando de 26 a 55 millóns de euros.
Dentro das achegas destinadas á construción de novos centros na área de Ferrolterra está en execución o novo centro de saúde de Narón, cun orzamento total de 5,5 millóns de euros. En relación coas partidas destinadas a reformas e melloras nos edificios actuais ademais do investimento realizado en Ortigueira, están a piques de rematar as obras de mellora de eficiencia enerxética no centro de saúde de Mugardos.

O delegado da Xunta lembrou a Consellería de Sanidade conta tamén cunha partida xenérica de 1,1 millóns de euros para a redacción de novos proxectos nas vilas que teñen demanda pero que aínda nos achegaron unha proposta viable de terreos para edificar. Ademais, contemplase tamén unha achega de 3.250.000 millóns de euros dirixida a obras de climatización e enfocada a esa mellora da comodidade e da eficiencia enerxética para os centros de saúde que máis o necesiten e outros 20 millóns de euros de fondo COVID dirixida a adaptacións funcionais para mellorar circuítos, ventilación ou para a creación de novas salas se foxe necesario.

O representante do Goberno autonómico lembrou que desde 2009 a Xunta construíu ou reformou un total de 80 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 67.800 m2, unha superficie equivalente á que terá o hospital de Ferrol despois de rematar a súa ampliación.

En total, entre as 80 obras xa rematadas e as 11 que están en marcha, a Xunta xa investiu nestes 12 anos máis de 100 M€ na mellora das infraestruturas de atención primaria en Galicia
Neste senso, Gonzalo Trenor concluíu afirmando que o Goberno galego seguirá comprometido cunha política útil, que xere benestar e crecemento; e cun sistema sanitario áxil, moderno e eficiente, cunhas infraestruturas máis espazosas, cuns equipamentos de última tecnoloxía e con máis melloras na xestión sanitaria.

Sobre este punto, aseverou que “todos estes obxectivos son posibles grazas ao traballo e compromiso dos profesionais do sistema galego de saúde que nestes momentos de maiores dificultades foron o piar básico na loita contra a pandemia”.

Imaxes relacionadas