Feijóo avanza unha partida de máis de 5 M€ para a posta en marcha de 63 casas do maior en concellos do rural

Destaca como novidade que poderán solicitar unha casa do maior todos aqueles concellos que non teñan no seu termo municipal un centro de día ou servizo similar

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello unha achega de 5,3 millóns de euros para a posta en marcha de 63 casas do maior en concellos do rural sen centro de día ou servizo similar.

Deste xeito, ao longo deste ano, multiplicarase por catro o número de casas do maior en funcionamento, que pasará de 20 a máis de 80.

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que desta achega, preto dun millón de euros destinarase á adecuación das casas, cun máximo de axuda de 15.000 euros por centro; e os máis de catro millóns de euros restantes serán para o funcionamento diario, destinándose 19.600 euros anuais por cada casa do maior ata o ano 2023. A partir do terceiro ano actualizarase a contía anual para o mantemento do servizo.

Así mesmo, e entre as novidades, destacou que poderán solicitar unha casa do maior todos aqueles concellos que non teñan no seu termo municipal un centro de día ou servizo similar, se ben continuarán sendo prioritarios os concellos pequenos de menos de 5.000 habitantes. Ademais, as persoas que poderán acudir a este servizo non serán só dependentes de grao I e II, senón tamén persoas maiores autónomas.

Por outra banda, ampliaranse os servizos, de xeito que as casas do maior poidan asumir os desprazamentos das persoas maiores usuarias, desde e cara á estes centros. E, con este fin, a Xunta ofrecerá ás promotoras unha axuda adicional de 5 euros por persoa e día.

Para facilitar a xestión das casas, a convocatoria contempla anticipos das axudas, tanto dos fondos para adecuación das casas, ata o 80%; como dos fondos para o seu funcionamento diario -o 100% durante o primeiro ano e o 75% durante os dous seguintes-.

“O obxectivo é que cada galego e cada galega poida decidir libremente onde se fai maior”, explicou Feijóo. E incidiu en que “a maioría dos galegos enquisados prefiren envellecer na súa casa, no seu barrio, no seu pobo, na súa aldea”.

Imaxes relacionadas