A Xunta comeza a tramitación da Lei de áreas empresariais para reforzar as estratexias de desenvolvemento e implantación destas superficies na Comunidade

Feijóo salienta tamén outras medidas que permitirán achegar solo e ofrecer oportunidades aos emprendedores, como a potenciación do Plan sectorial de áreas empresarias de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na rolda de prensa de Consello, o comezo da tramitación da Lei de áreas empresariais para reforzar as estratexias de desenvolvemento e implantación destas superficies na Comunidade Autónoma. A este respecto, sinalou que deseguido se iniciará a consulta pública para abrir o texto á sociedade.

Durante a súa intervención fixo balance da actual situación do solo empresarial e das medidas que se están poñendo enriba da mesa para achegar solo e ofrecer oportunidades aos emprendedores.

Ademais da antedita lei, que supón unha oportunidade para impulsar a implantación das áreas empresariais e mellorar a eficacia das ferramentas que temos e concretar os sistemas de xestión, o presidente da Xunta fixo referencia a outra serie de medidas como a potenciación do Plan sectorial de áreas empresarias de Galicia, para delimitar os ámbitos que se poden desenvolver como proxectos de interese autonómico, así como diferenciar entre as áreas empresariais de carácter estratéxico e as de nivel comarcal ou supracomarcal.

Outra das medidas será o mantemento das bonificacións do solo con porcentaxes entre o 30 e o 50%, coa posibilidade de aprobar proximamente unha liña de axudas para desenvolver pequenas áreas empresariais.

Por último, Feijóo mencionou o programa de incentivos á contratación nas empresas que se asenten no solo da Xunta, “que se está deseñando neste momento” e que incluirá estímulos adicionais ao aforro na compra de solo.
 

Imaxes relacionadas