Luis López reitera a "colaboración absoluta e compromiso máximo" da Xunta co Concello de Tomiño na súa visita institucional

O delegado territorial mantén unha reunión coa alcaldesa, Sandra González, e con representantes da corporación municipal e lembra a aposta da Xunta por este municipio do Baixo Miño tras investir 13 millóns nos últimos catro anos

O representante autonómico amosa o apoio do Goberno galego para a apertura ordenada e vixilada de máis pasos fronteirizos con Portugal para traballadores e mercadorías para evitar aglomeracións e longos traslados dos afectados

Tomiño, 11 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, reafirmou a “colaboración absoluta e o compromiso máximo” do goberno galego co Concello de Tomiño na súa visita institucional a este municipio, onde lembrou a aposta do executivo autonómico por este termo da bisbarra do Baixo Miño tras investir máis de 13 millóns de euros nos últimos catro anos.

O representante autonómico mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, e con representantes da corporación municipal na que se abordaron todas as peticións e necesidades da veciñanza con respecto ao executivo autonómico.

Entre as cuestións plantexadas figura a axilización da autovía do Baixo Miño, que xa está a ser executada pola Xunta de Galicia para favorecer a mobilidade e a seguridade nun novo treito da AG-42, correspondente co Enlace de Areas, que ten un investimento de case 17 millóns de euros.

Polo demais, Luis López lembrou que, no que vai de lexislatura, a Xunta despregou numerosos investimentos e servizos en Tomiño, xa que reforzou a seguridade viaria na PO-552 en dirección a Tui cun investimento de 660.000€, concedeu ao Concello 5.568 horas anuais máis de Axuda no Fogar para dependencia, outorgou financiamento para accións de eficiencia coa instalación de 32 paneis solares fotovoltaicos na Casa do Concello e no Multiusos de Goián e colaborou cos sectores económicos e sociais, xa que inxectou 73.000€ aos hostaleiros ao abeiro do 1º Plan de Rescate e subvencións de dinamización comercial aos colectivos Adeto e Mercado Municipal de Tomiño, entre outras.

Finalmente, Luis López, que se comprometeu a manter un contacto periódico co Concello para xestionar as súas necesidades, amosou o apoio da Xunta á demanda social para que se produza unha apertura ordenada, e sempre que estean cubertas as necesidades de vixilancia, de máis pasos fronteirizos con Portugal para traballadores e mercadorías co obxectivo de que non haxa aglomeracións nos poucos puntos abertos ao tráfico e de evitar longos traslados por parte dos centos de afectados.

Imaxes relacionadas