A planta de compostaxe de Vilanova de Arousa avanza coa sinatura do contrato para redacción do proxecto por case 115.000 euros

Esta instalación dará servizo a 25 concellos da contorna e estará instalada no polígono vilanovés de Baión, grazas a un investimento total de 15,5 M€

Esta é a primeira, coas de Cervo e Verín, das tres plantas que construirá a Xunta, que xunto coa xa operativa en Cerceda e as instalacións de compostaxe industrial, conformarán unha rede coa que dar servizo a toda a sociedade galega
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de asinar o contrato de adxudicación para a redacción do proxecto básico para construír unha futura planta de compostaxe no concello de Vilanova de Arousa, por un importe de 114.950 euros.

Esta planta estará localizada no polígono de Baión e ocupará sete parcelas, é dicir, unha superficie de 20.000 metros cadrados, que foron adquiridos por 1,5 millóns de euros.

A planta de Vilanova dará servizo a aproximadamente 25 concellos do chamado eixo atlántico sur, ao ter unha capacidade de tratamento de ata 15.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 7.000 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, acadarase unha produción de 6.000 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).

En total, o investimento previsto pola Consellería na posta en marcha da instalación proxectada no polígono de Baión ascenderá a 15,5 millóns de euros.

A de Vilanova é unha das tres plantas -xunto con Cervo e Verín- que constrúe a Xunta, polo que, ao sumar a que Sogama ten en Cerceda e as públicas e privadas actuais e futuras de compostaxe industrial, Galicia contará cunha rede de instalacións coas que dar servizo a toda a Comunidade galega.