Medio Ambiente acondicionou case 100 quilómetros de pistas e sendeiros na reserva nacional de caza dos Ancares nos dous últimos anos

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, presidiu hoxe a reunión telemática da xunta consultiva, na que se avaliaron os censos cinexéticos de distintas especies

Investíronse 14.800 euros nun proxecto para mellorar os hábitats para a perdiz roxa e a perdiz charrela
 

Lugo, 11 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presidiu hoxe a reunión telemática da xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, que avaliou as actuacións realizadas nos últimos anos así como os proxectos e propostas para o presente exercicio.

O Goberno galego xestiona esta Reserva de aproximadamente 7.800 hectáreas de superficie a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Tamén participan na xunta consultiva outros representantes das administracións autonómicas e local, as asociacións de cazadores, organizacións en defensa da natureza e do territorio, a Universidade de Santiago de Compostela, ou representantes dos particulares propietarios de montes e outros terreos.

Con motivo da xuntanza, Arias explicou que nos últimos dous exercicios a brigada da Consellería na zona acondicionou 97 quilómetros de camiños e pistas da Reserva. Así mesmo, investíronse 14.800 euros nun proxecto para mellorar os hábitats para a perdiz roxa e a perdiz charrela. Con este fin, sementáronse 5,30 hectáreas de centeo, e rozáronse 3,2 hectáreas de campo, 8,4 quilómetros de pistas e 14,5 de sendeiros.

A reunión serviu tamén para avaliar a situación cinexética da Reserva. Neste sentido, o censo de rebezos permanece en parámetros similares nos últimos anos. No último reconto, en xullo de 2020, rexistráronse 416 individuos, tanto na vertente de Lugo como na de León, dado que a meirande parte da poboación atópase nas proximidades das liñas de cume que separan ambas provincias, e dependendo do momento están a un lado ou outro da divisoria.

A presenza de corzos experimentou un descenso entre os anos 2007 e 2012 e estabilizouse a partir desa data ata 2016, cando iniciou a recuperación. As mostras tomadas estiman unha densidade de dous corzos por quilómetro cadrado, é dicir, entre 100 e 150 exemplares.

No que respecta á perdiz roxa, os datos recollidos entre setembro de 2019 e febreiro de 2020 reflicten a presenza de entre 30 e 35 bandos cunha poboación que oscilaría entre 210 e 250 exemplares.

A xunta consultiva da reserva comprobou tamén o número de permisos de caza concedidos e realmente empregados nos últimos cinco anos e analizou a proposta do plan anual de caza para a tempada 2021-22.
 

Imaxes relacionadas