Luis López visita en Pontevedra a exposición colectiva 'Os roteiros da forma', que amosa as propostas máis contemporáneas da artesanía galega

A Fundación RAC, coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, ten aberta esta mostra ata o 26 de marzo na capital provincial

Na iniciativa participan 14 obradoiros da marca Artesanía de Galicia que reflicten as converxencias entre a artesanía e as artes visuais contemporáneas
 

Pontevedra, 11 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá a exposición Os roteiros da forma, unha mostra colectiva na que participan 14 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e que está organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través da Fundación Artesanía de Galicia– e a Fundación RAC de Pontevedra.

A mostra, que permanecerá aberta ata o vindeiro 26 de marzo, forma parte dun proxecto de divulgación conxunto no que se busca amosar as propostas máis contemporáneas da artesanía galega, no marco do cal xa se realizou a finais do pasado ano a exposición Feito de estrelas, unha retrospectiva da obra do ebanista artesán Frank Buschmann.

A exposición colectiva Os roteiros da forma ten como obxectivo reflectir as converxencias entre a artesanía e as artes visuais contemporáneas e recolle a pluralidade de formatos, linguaxes e asociacións recollidos na marca Artesanía de Galicia, compondo unha panorámica rica en matices onde o peso da tradición hibrídase á complicidade do presente. Reúnense voces propias e diversas, que transcenden as marxes das súas disciplinas ao deterse a explorar a idoneidade de imaxinar outras formas de relación co mundo. A mostra propón un percorrido versátil onde se fusionan técnicas e procesos mixtos.

Poderase visitar na sede da Fundación RAC Rosón Arte Contemporáneo (Padre Sarmiento, 41) en Pontevedra, en horario de mércores a venres de 16:30 a 20:00 horas, con posibilidade de realizar unha visita guiada da man da comisaria da mostra, Sara Donoso, previa inscrición no mail info@fundacionrac.org.

As propostas presentadas consisten na tradición cerámica de COPIA_cerámica (Santiago de Compostela), Ana Tenorio (Vigo), Verónica Moar (A Coruña), Marta Armada (Vigo) e Paula Ojea (Vigo); a produción téxtil e a cestaría tradicional de Inés Rir (Allariz) e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); os zocos de Elena Ferro (Vila de Cruces); a xoiaría de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela); o coiro de Santiago Besteiro (Monterroso); os vidros de Adrián Pena (Vigo); a louza de Ferraxe de Prata (Teo); e a ilustración de Iria Prol (Santiago de Compostela) e Iris Branco (San Cristovo de Cea).
 

Imaxes relacionadas