A Xunta abre este venres o prazo para solicitar as axudas de formación dos profesionais do sector do transporte por estrada que suporán un investimento de 400.000 euros

Estes incentivos da Xunta posibilitaron en 2020 a realización de 1.139 cursos nos que participaron 11.351 persoas
 

As entidades integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada poderán presentar as solicitudes, xunto co plan formativo correspondente, ata o 11 de abril

As actividades formativas previstas por cada organización poderanse levar a cabo ata finais de outubro
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abre este venres o prazo para solicitar as axudas de formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, que suporá un investimento de 400.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria, cuxa información se pode ampliar nos seguintes enlaces: https://xurl.es/y5ijj e https://xurl.es/hbq89

Esta orde fixa as bases polas que se rexerá o outorgamento destes incentivos, que van dirixidos ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada.

As entidades deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no ano 2021.

Estas organizacións disporán dun mes, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes, ata o vindeiro 11 de abril.

Ademais, disporán ata finais do mes de outubro para realizar o conxunto das accións formativas.

Acolléndose a estas axudas, as entidades que resulten beneficiarias poderán mellorar as capacidades dos seus asociados en diferentes eidos: como a formación continua do persoal de condución; a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto por parte de profesionais do taxi como por todos aqueles que realizan transportes internacionais; o transporte de mercadorías perigosas ou perecedoiras; e, en xeral, no ámbito da xestión das empresas de transporte por estrada.

Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional.

Esta convocatoria dálle continuidade á aposta que a Xunta vén facendo nos últimos anos pola formación dos profesionais do sector do transporte. Neste sentido, cómpre lembrar que o Goberno galego concedeu na convocatoria do ano 2020 axudas para a realización de 1.139 cursos, nos que participaron 11.351 persoas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa potenciando as actividades formativas dirixidas aos profesionais do sector, en diferentes eidos como a condución, o transporte de mercadorías perigosas ou a xestión das empresas de transporte por estrada.