A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a situación do sector marisqueiro galego

Galicia puxo a disposición do sector máis de dous millóns de euros para actuacións nos bancos marisqueiros e estuda medidas adicionais ante os últimos temporais

A Xunta subliña que é preciso ter unha avaliación completa do estado das distintas zonas marisqueiras e contar co informe detallado da situación que acheguen as confrarías para poder adoptar accións extraordinarias

A titular de Mar lembra que os afectados poden solicitar a paralización dos plans de xestión e demandar o cese de actividade así como a correspondente prestación ao Instituto Social da Mariña

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta está en contacto permanente co sector marisqueiro galego e traballando de xeito coordinado para paliar os efectos dos últimos temporais nos bancos marisqueiros. Neste sentido, lembrou que o Executivo galego publicou nas últimas semanas no Diario Oficial de Galicia varias convocatorias de axudas para proxectos colectivos de mellora das zonas de produción e protección dos ecosistemas mariños que suman un orzamento de máis de dous millóns de euros e que poden empregarse para facer fronte ao impacto das inclemencias meteorolóxicas e da baixa salinidade das augas.

Nesta liña, incidiu en que a Consellería do Mar está a estudar medidas adicionais de apoio, como o incremento do crédito destas ordes de achegas ou outras accións extraordinarias, pero que antes é preciso ter unha avaliación completa do estado dos bancos e contar co informe detallado da situación que acheguen os representantes das confrarías.

A titular de Mar subliñou que este tipo de episodios son habituais e unha consecuencia natural dos períodos de intensas precipitacións -sobre todo nos lugares máis próximos ás desembocaduras dos ríos e con menor profundidade- e aclarou que é necesario agardar aos resultados das mostraxes poboacionais que as asistencias técnicas das confrarías realizan a finais do inverno para coñecer os valores de mortalidade de cada especie en cada zona.

Ás achegas destinadas á mellora dos bancos marisqueiros súmase o feito de que as confrarías de pescadores contan con apoios do Executivo galego para a contratación de técnicos que colaboran na avaliación e seguimento dos plans de xestión dos recursos marisqueiros, un asesoramento técnico do que dispoñen preto do 100% dos plans. Non obstante, os técnicos da Xunta están a prestar apoio adicional desde o primeiro momento ás confrarías afectadas que así o solicitan e xa se están adoptando medidas inmediatas como a resementeira do marisco nas zonas nas que esta actuación é posible.

Rosa Quintana tamén destacou que a recuperación produtiva dos bancos pode acompañarse dunha adecuación dos propios plans de xestión en termos de organización do traballo. Con esta medida pódese solicitar a paralización dos labores do plan e demandar o cese de actividade e a correspondente prestación ao Instituto Social da Mariña (ISM).

Deste xeito, o sector afectado pode percibir as prestacións que corresponden ás persoas que cotizan ao Réxime Especial do Mar da Seguridade Social e sobre as que a Xunta xa formulou consultas ao ISM para ver a súa aplicabilidade ante estes episodios, unha cuestión sobre a que se agarda unha resposta favorable.

Imaxes relacionadas