A Xunta inviste máis de 1,3 M€ na rehabilitación enerxética e funcional do CPI da Cañiza e na modernización eficiente dos sistemas de calefacción do instituto

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisa o remate de ambas actuacións, enmarcadas no Plan de Dotacións de Infraestruturas Educativas para mellorar a confortabilidade dos centros

A actuación no colexio consistiu na mellora de cubertas e fachadas, a dotación de illamentos, o relevo das carpintarías, o reemprazo das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, o pintado, a instalación de sinaléctica e outras obras

A Cañiza, 10 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar coas melloras nos centros educativos do Concello da Cañiza tras realizar un investimento de máis de 1,3 millóns de euros na rehabilitación enerxética e funcional do CPI e na modernización eficiente dos sistemas de calefacción do IES.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou o remate de ambas actuacións, enmarcadas no Plan de Dotacións de Infraestruturas Educativas, acompañado polo alcalde, Luis Gómez Piña, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes dos respectivos equipos directivos.

“Con este dobre investimento deixamos en moi boas condicións os centros educativos da Cañiza e atendemos a solicitude que se nos cursou dende o Concello a comezos do ano 2018, polo que actuamos nun tempo récord para mellorar a confortabilidade do colexio e do instituto”, explicou o representante autonómico, que destacou o “esforzo e compromiso da Xunta de Galicia coa modernización constante da rede de centros públicos”.

A rehabilitación enerxética e funcional do CPI da Cañiza, que contou con orzamento de 1.123.154€, rematou hai algunhas semanas e consistiu nunha remodelación completa, tanto no interior como no exterior, orientada á incrementar a eficiencia e a calidez, gañar en funcionalidade e mellorar a súa imaxe e estética.

Así, procedeuse á renovación da cuberta e das fachadas co reemprazo de materiais e a dotación de sistemas de illamento máis modernos, o cambio das carpintarías interiores e exteriores, destacando as novas fiestras con rotura de ponte térmica, o relevo das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e tecnoloxías máis limpas, o pintado xeral do inmoble, a instalación de sinaléctica e outras pequenas obras complementarias na rede de servizos e subministros.

Por outra banda, no instituto da Cañiza destináronse 185.351€ ao cambio da sala de caldeiras cun equipo de biomasa e un silo de pellets de grandes dimensións para incrementar a eficiencia e reducir os custos periódicos do sistema de calefacción do centro.

O delegado territorial, que valorou moi positivamente o resultado final de ambas actuacións, destacou que ambas, enmarcadas na liña da consellería de modernizar de xeito progresivo os centros da comunidade, “son de gran importancia, xa que minguan os gastos de consumo e reforzan a sensación de confortabilidade, polo que melloran exponencialmente as condicións lectivas para profesores e alumnos e favorece o seu rendemento”.

Imaxes relacionadas