A Xunta esixe do Goberno central un documento clarificador das axudas estatais comprometidas para o Xacobeo

O vicepresidente primeiro subliñou no Parlamento de Galicia que, de non se ter ampliado o Ano Santo, chegaría tarde a participación do Estado nun dos eventos máis internacionais dos que se celebran en España

Alfonso Rueda recordou a disposición de adiantar aos hostaleiros os cartos dos concellos que se sumen á plataforma da Xunta para axilizar as axudas directas

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A Xunta esixirá ao Goberno central que aclare nun documento os prazos e orzamentos cos que o Estado contribuirá á celebración do Xacobeo. En resposta a unha pregunta parlamentaria, o vicepresidente primeiro recordou que o secretario xeral de Turismo, Fernando Valdés, comprometeuse esta semana a elaborar un Plan Nacional do Xacobeo, pero que, de non terse ampliado o Ano Santo ao 2022, esa participación chegaría tarde, xa que o Goberno central adía a súa presentación ata o verán.

Alfonso Rueda recordou que o Parlamento de Galicia xa reclamara o pasado 23 de decembro un compromiso real do Goberno central con partidas concretas para colaborar na organización do Xacobeo, unha proposición non de lei na que o Grupo Socialista decidira absterse. O vicepresidente da Xunta agarda que desta volta o Executivo cumpra os seus compromisos, tendo en conta que ata agora non houbo máis que declaracións de intencións, fronte a outros eventos anunciados noutras comunidades autónomas que si contan con partidas concretas do Estado. “Ímoslle dar un voto de confianza”, dixo Rueda en relación ao compromiso adquirido esta semana polo secretario xeral de Turismo.

A Xunta de Galicia investirá 85,8 millóns no Xacobeo 2021, un orzamento que destinará a garantir a seguridade para peregrinos e turistas, a mellorar as infraestruturas e a paisaxe, á promoción do evento e á súa programación. Para todo iso precisa da colaboración do Estado, e máis tendo en conta que se trata dun acontecemento internacional que vai máis alá das fronteiras de Galicia, e que a extensión do Ano Santo ao 2022 permitirá multiplicar o efecto dinamizador do fenómeno xacobeo.

Axudas aos hostaleiros

Na súa intervención parlamentaria, Alfonso Rueda referiuse tamén ao segundo plan de rescate para as empresas máis castigadas pola crise. Concretamente, recordou que a posibilidade que teñen os concellos de adherirse á plataforma da Xunta para o pago de axudas directas aos hostaleiros permitirá adiantar os cartos antes de que os liberen os propios concellos, en liña co compromiso de que esa inxección de liquidez chegue aos seus beneficiarios de forma áxil e sen burocracia.

A Xunta recibiu xa cerca de 38.000 solicitudes por parte do sector, e puxo a disposición de autónomos, microempresas e hostaleiros un total de 160 millóns de euros en catro meses. A intención da Administración autonómica é facer os pagos ao longo do mes de marzo.

Alfonso Rueda lamenta que, pola contra, nada se saiba das axudas estatais e dos 11.000 millóns comprometidos polo presidente do Goberno, que seguen sen concretarse mentres o Executivo central continúa enleado en liortas internas.

Imaxes relacionadas