A Xunta adxudica por 6,7 M€ as obras de ampliación do Ifevi en máis de 5.000 metros cadrados

Resultou gañadora a oferta presentada pola UTE Obrascón Huarte Lain- Construcciones Taboada y Ramos

O Ifevi xa se ampliara en 2018, cun investimento de 4M€, polo que con esta nova actuación a Administración autonómica segue amosando o seu compromiso con Vigo e co seu recinto feiral

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) en máis de 5000 metros cadrados á UTE Obrascón Huarte Lain - Construcciones Taboada y Ramos por un total de 6.730.618,77 euros.

A esta licitación presentáronse un total de 13 ofertas. Cómpre lembrar que este proxecto conta cun orzamento global da Xunta de 7,65 millóns de euros, xa que, ademais da obra adxudicada obxecto de licitación, tamén se recollen os contratos de servizos complementarios.

O obxectivo desta iniciativa, coa que a Xunta amosa, unha vez máis, o seu compromiso coa cidade de Vigo e co recinto feiral, é incrementar a competitividade das instalacións e consolidar a celebración de eventos de referencia a nivel europeo e internacional como Conxemar, Navalia e Mindtech.

As obras, que se realizarán mediante un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, consisten na ampliación da zona traseira do pavillón 3. Prevese unha nova superficie construída de 6.572,80 m2, dos que 5.536,05 m2 se corresponden coa ampliación e 1.036,75 m2 coa reforma do edificio existente.

A tramitación do proxecto, aprobado o pasado 26 de novembro polo Consello da Xunta, realizouse mediante o procedemento recollido na Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, unha vez recompilados os informes favorables tanto do Concello de Vigo como dos diferentes órganos sectoriais
–tras oito meses de espera, o Estado entregou os últimos informes pendentes en outubro–. O pasado 18 de decembro o Concello de Vigo certificou a dispoñibilidade dos terreos, un requisito previo indispensable para poder, a continuación, licitar as obras. O pasado 29 de decembro o Consello da Xunta autorizou a contratación das obras. Esta ampliación súmase á xa realizada en 2018, na que a Administración autonómica investiu máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suma agora o investimento para este novo proxecto.