A Xunta traballa coa USC na análise das competencias autonómicas e locais

A directora de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a reunión do grupo de traballo creado no seo da comisión de seguimento do convenio entre ambas entidades

O acordo dá prioridade á concreción das competencias relacionadas coa xestión da pandemia derivada da covid-19

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe unha reunión do grupo de traballo creado no seo da comisión de seguimento do convenio acordado o pasado decembro entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a realización da auditoría sobre a delimitación de competencias entre a Xunta e os concellos galegos. Para a elaboración deste documento é necesario contar con datos obxectivos achegados polos propios concellos, para o que tamén se solicitará a colaboración da Fegamp.

No encontro de hoxe, no que participaron tamén representantes da USC e das consellerías de Política Social e de Cultura, Educación e Universidade, o grupo de traballo abordou as competencias e o custo da xestión dos centros de ensino e a prestación de servizos sociais. O acordo entre a Xunta e a Universidade de Santiago recolle precisamente a necesidade de priorizar a clarificación das competencias relacionadas coa xestión da pandemia provocada pola covid-19, como é o caso destes dous ámbitos.

O grupo de traballo avaliará en próximos encontros as competencias noutros ámbitos con representantes de ambas entidades e expertos, co obxectivo de obter unha análise rigurosa en tódolos eidos que permita contar cunha delimitación clara das competencias autonómicas e municipais.

Imaxes relacionadas