O Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021 convida a percorrer o Camiño Primitivo desde o audiovisual

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, presentaron a nova serie en sete capítulos que pode seguirse desde hoxe con novas entregas cada luns no Portal da Lingua Galega

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, presentaron esta mañá a nova serie documental O Camiño Primitivo, creada por Boneca Lareta e Prot Comunicación ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia. O primeiro capítulo desta produción audiovisual está dispoñible xa no Portal da Lingua Galega, onde, cada luns ás 21,00 horas e durante as vindeiras semanas, se irán publicando os restantes episodios ata completar os sete que compoñen a serie.

Valentín García indicou que este traballo mostra moi ben “a capacidade de Galicia para atraer as persoas que veñen de fóra precisamente apostando polo propio, polo que é autenticamente noso e nos diferencia, como o Camiño e Santiago” e alentou aos galegos e galegas “a estarmos orgullosos da nosa paisaxe, do noso patrimonio, da nosa historia e, por suposto, da nosa lingua”.

Pola súa banda, Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, animou á cidadanía “a coñecer e a percorrer virtualmente o Camiño Primitivo por medio deste proxecto audiovisual, no que se comparten experiencias de peregrinos e peregrinas que tan ben transmiten o espírito xacobeo, e tamén a emprender a experiencia de percorrer a ruta, neste momento no que xa se reactiva o Camiño de Santiago dunha maneira segura”. No acto de presentación acompañounos o produtor executivo da serie, Aitor Rei, responsable de Boneca Lareta.

Primeira ruta de peregrinación a Compostela

O Camiño Primitivo, que percorre o interior de Asturias ata Galicia, ten a súa orixe na ruta que tomou o rei Afonso II no s. IX para visitar a recentemente descuberta tumba do Apóstolo Santiago, a primeira peregrinación a Compostela da que se conservan referencias e, polo tanto, a máis antiga.

A serie documental, feita e producida por Prot Comunicación e Boneca Lareta, amosa en cada un dos seus sete capítulos cadansúa etapa, desde Grandas de Salime (Asturias) ata Compostela, ensinando a súa paisaxe, as súas poboacións e monumentos ou as súas lendas. Ademais, en todos os episodios hai unha sección, Historias peregrinas, destinada a entrevistar os camiñantes chegados de diferentes lugares do mundo que hoxe en día percorren este trazado, co fin de coñecer as súas motivacións, sentimentos e experiencias ao longo da peregrinación.

Nova convocatoria aberta

O Camiño Primitivo forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, o repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten en marcha ao abeiro do Plan de Reactivación do sector cultural desde o inicio da pandemia e cuxa segunda edición acaba de ser reforzada cun investimento de 3 millóns de euros. As empresas, entidades e profesionais culturais, turísticos e lingüísticos poden presentar os seus proxectos ata o vindeiro 8 de abril. Toda información e convocatoria está dispoñible no portal da Lingua Galega.

Imaxes relacionadas