A Xunta completará o saneamento na parroquia de Santo Estevo de Budiño, en Salceda de Caselas

Augas de Galicia vén de encargar a redacción do proxecto construtivo, unha vez constatada a posta á disposición dos terreos necesarios por parte dos veciños

O obxectivo é culminar o saneamento nesta parroquia, conectando as vivendas e as industrias do polígono que, por diferenza de cota, non se puideron incorporar á rede na actuación levada a cabo pola Xunta con anterioridade

A Xunta executou en 2015 a mellora do saneamento de Santo Estevo de Budiño, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A Xunta completará o sistema de saneamento da parroquia de Santo Estevo de Budiño, no concello de Salceda de Caselas. Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de encargar a redacción do proxecto construtivo, unha vez constatada a posta á disposición dos terreos necesarios por parte dos veciños.

A actuación ten como obxectivo culminar a rede de saneamento nesta parroquia, conectando tamén á rede varias industrias do polígono que non puideron ser conectadas durante a execución das obras que se levaron a cabo no ano 2015, por problemas de cota.

Cómpre lembrar que no ano 2015 Augas de Galicia levou a cabo a mellora do saneamento en Santo Estevo de Budiño, cun investimento da Xunta de máis de 1,6 millóns de euros. A intervención tivo por obxecto conectar as vivendas e naves industriais situadas na parroquia de Santo Estevo de Budiño, e tamén unha pequena parte delas situadas no concello do Porriño, ao colector interceptor xeral do río Louro, que á súa vez transporta as augas residuais cara á depuradora de Guillarei para o seu tratamento.

Na execución desa actuación, varias das vivendas da zona non puideron ser conectadas á nova rede de saneamento, xa que se atopaban nunha cota inferior á do colector principal.

Con todo, Augas de Galicia asumiu o compromiso cos veciños de que, se poñían a disposición os terreos necesarios para executar as obras, a Xunta completaría a conexión das vivendas e industrias que quedaron pendentes.

Agora, unha vez constatada a posta á disposición dos terreos precisos para levar a cabo os traballos, Augas de Galicia encargou a redacción do proxecto construtivo para levar a cabo a actuación.