A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentou o ciclo de talleres online da iniciativa europea Aquamundam, no que participan 70 profesionais implicados no ciclo integral da auga

A Xunta pon en valor a experiencia piloto de xestión intelixente no saneamento e abastecemento de Noia para a mellora do ciclo integral da auga e o correcto mantemento das infraestruturas

Trátase de poñer á disposición dos responsables destes servizos municipais ferramentas innovadoras para o coñecemento do seu funcionamento e a resolución eficiente de incidencias, perdas no abastecemento ou infiltracións nos sistemas

Os traballos desenvolvidos na dixitalización da información das redes de saneamento e de abastecemento de Noia establecen medidas para a mellora do funcionamento da rede de colectores e procura maior axilidade na xestión das infraestruturas

O despregue dunha rede de contadores domiciliarios con lectura remota no centro histórico de Noia servirá para comprobar en condicións reais as posibilidades que ofrecen estes equipos para unha mellor prestación do servizo de abastecemento

O proxecto Aquamundam conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e está financiado con fondos europeos no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza de España e Portugal

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020

A Xunta puxo hoxe en valor a experiencia piloto de xestión intelixente desenvolvida nos servizos de saneamento e abastecemento de auga do concello de Noia, para a mellora do ciclo integral da auga e o correcto mantemento das infraestruturas.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, inaugurou esta mañá o taller en liña dos avances acadados a través da iniciativa europea Aquamundam, na que participan hoxe e mañá 70 profesionais implicados no ciclo integral da auga.

A responsable da entidade hidráulica da Xunta destacou a importancia deste proxecto para a introdución de ferramentas innovadoras que permitan aos responsables do mantemento destes servizos municipais ter un coñecemento exacto do funcionamento das redes ou monitorizar o seu funcionamento para facelo máis eficiente, evitando atrasos na resolución de incidencias, perdas no abastecemento ou infiltracións nos sistemas.

Durante os dous días de traballo, os asistentes afondarán nas actuacións desenvolvidas nos últimos meses na dixitalización da información solicitada nas redes de saneamento e abastecemento do municipio, un proxecto no que participaron o Concello de Noia e o consorcio do proxecto Aquamundam, do que forman parte a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia e Augas de Galicia.

A rede de saneamento foi inspeccionada e cartografada baixo a dirección de Augas de Galicia, alcanzándose os máis de 60 km de rede examinados. Partindo desta información, xeráronse modelos matemáticos para estudar o funcionamento actual da rede de colectores e propoñer medidas que o melloren.

Doutra banda, a rede de abastecemento do municipio foi tamén dixitalizada coa colaboración dos técnicos do Concello, o cal simplifica a consulta e actualización dos datos dos compoñentes da rede e proporciona unha maior axilidade nas tarefas de operación e mantemento da infraestrutura. No tramo final do traballo realizáronse tarefas de estudo para a instalación de sensores que midan en tempo real o funcionamento do sistema.

Piloto de contadores de auga intelixentes

Tamén, no marco do proxecto, despregouse unha rede denominada IoT que conecta sensores á plataforma Aquamundam, destacando os contadores domiciliarios con lectura remota. Esta experiencia, centrada no centro histórico de Noia, servirá para comprobar en condicións reais as posibilidades que ofrecen estes equipos para contribuír a unha mellor prestación do servizo de abastecemento.

A instalación destes equipos facilitará a lectura de consumos sen acceder ao interior das vivendas, feito de especial relevancia na actual situación de pandemia pola covid-19. Ademais, os contadores para instalar ofrecen maior información diariamente e contribuirán a identificar posibles avarías, como fugas e roturas, de maneira máis áxil.

Dúas xornadas de traballo

Durante a xornada de hoxe, os asistentes puideron coñecer os últimos avances a nivel internacional na depuración de augas residuais en pequenos e medianos municipios, exemplificándoo no estudo do sistema de saneamento do concello de Noia.

A sesión centrouse na utilidade das tecnoloxías de xeoposición das redes de distribución de auga potable e recollida e tratamento de augas residuais, que xa permite a xestión dos seus activos e o modelado do ciclo integral da auga.

Na xornada de mañá, os asistentes poderán coñecer a vangarda da monitoraxe para mellorar o control técnico e económico, exemplificándoo de novo en sistema de abastecemento do concello de Noia. Entre outros aspectos, explicarase o despregamento de rede LoRaWAN para a lectura de datos en tempo real polos operarios de mantemento, e a plataforma avanzada que permite monitorizar e controlar a xestión de todo o sistema.

O proxecto Aquamundam conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e está financiado con fondos europeos no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza de España e Portugal -POCTEP.

Neste proxecto participan a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia; Augas de Galicia, pertencente á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; a Fundación CARTIF; a Confederación Hidrográfica do Douro; a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho; e o Instituto Pedro Nunes.

Imaxes relacionadas