O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a unha interpelación no Pleno da Cámara

A Xunta apela ao compromiso de todas as administracións para que a transición ecolóxica sexa unha oportunidade para a industria de Ferrolterra

Subliña a disposición de Galicia a colaborar co Goberno para que encontre unha solución que dote de carga de traballo os estaleiros de Navantia e para que se evite o peche da central das Pontes a través do uso de biocombustibles

O Executivo galego vai seguir ao lado dos traballadores de Navantia en Ferrol e Fene, e os de Endesa nas Pontes, defendendo unha transición xusta que non poña en perigo os seus empregos

Santiago de Compostela, 10 marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou hoxe ao compromiso de todas as administracións para que a transición ecolóxica sexa unha oportunidade para a industria de Galicia e, de maneira particular, para Ferrolterra.

Conde subliñou, durante a súa resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento, que a Xunta de Galicia está disposta a colaborar co Goberno para que encontre unha solución que dote de carga de traballo os estaleiros de Navantia; que evite o peche da central das Pontes a través do uso de biocombustibles; e que impulse o desenvolvemento do sector eólico e das enerxía renovables e a súa cadea de valor no territorio.

Nese sentido, asegurou que a Administración galega vai seguir ao lado dos traballadores de Navantia nos estaleiros de Ferrol e Fene, e os de Endesa nas Pontes, defendendo unha transición xusta que non poña en perigo os seus empregos.

Segundo dixo, no caso das Pontes, a Xunta vai seguir demandando que Endesa se implique para facer viable economicamente o uso dos biocombustibles, agora que xa se demostrou que son unha opción factible desde o punto de vista técnico e medioambiental. Con respecto a Navantia, apuntou que o Goberno central ten que garantir a carga de traballo comprometida, así como os investimentos que sexan precisos para construír o dique cuberto e o taller de subloques, que son infraestruturas indispensables para a competitividade do estaleiro.

Neste contexto, a Xunta traballa para promover a transformación ecolóxica e dixital da industria galega. De feito, estanse presentando proxectos da candidatura galega a todas as manifestacións de interese abertas polo Goberno con motivo dos fondos europeos Next Generation e proseguirase nesta mesma liña nas próximas consultas que convoque. Ademais, outra das patas para a reactivación da economía galega está na Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, un texto normativo que garante unha maior axilidade na tramitación administrativa de novos proxectos industriais coa máxima seguridade xurídica.

Imaxes relacionadas