A conversión en Centro Integrado de FP do IES Fraga do Eume reforzará a súa especialización na familia profesional de hostalaría e turismo

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, reuniuse hoxe co equipo directivo do centro para perfilar a nova organización educativa, enfocada a mellorar a calidade formativa e a futura inserción laboral dos estudantes

Suporá un incremento de ata 80 novas prazas e a implantación de dous novos ciclos formativos, cos que case se completa a totalidade de titulacións da familia

O centro forma parte da Rede galega de Formación Profesional de hostalaría
 

Pontedeume (A Coruña), 10 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vai reforzar a especialización do IES Fraga do Eume (Pontedeume) na familia profesional de Hostalaría e turismo coa súa conversión en Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP). Así llo trasladou hoxe o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, ao equipo directivo do centro e ao alcalde nunha reunión de traballo para consensuar a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo é mellorar a calidade formativa e a futura inserción laboral dos estudantes da comarca de Ferrolterra.

Non en balde, a conversión suporá a incorporación á oferta deste centro de dous ciclos, de ciclo superior, o de Axencias de viaxe e xestión de eventos e o de Xestión de aloxamentos. Deste xeito, o centro ofertará todas as titulacións de grao medio e superior desta familia profesional, agás o ciclo superior de Guía, información e asistencia turísticas, que se imparten noutro CIFP da comarca (o Rodolfo Ucha Piñeiro).

Cómpre lembrar que o Fraga do Eume é un centro de referencia neste ámbito, de feito forma parte da Rede galega de Formación Profesional de hostalaría, creada pola Xunta de Galicia para dotar ao sector de capital humano altamente cualificado. A coordinación e cooperación dos oito centros que forman a rede (CIFP Paseo das Pontes, IES Fraga do Eume, CIFP Compostela, IES de Foz, IES Sanxillao, IES de Vilamarín, CIFP Carlos Oroza e CIFP Manuel Antonio) permítelles ofrecer unha mellor preparación aos alumnos, así como unha maior transferencia de coñecemento dos centros educativos ás empresas, entre outros beneficios.

O Fraga do Eume organiza, ademais, o Certame anual de Cociña e coctelaría José Rodríguez-Moldes Rey, un referente en toda a Comunidade que ademais atrae a participación de escolas de hostalaría e turismo do norte de Portugal.

Mellor oferta na comarca

Tras a xuntanza, José Luis Mira fixo especial fincapé en que a aposta polo Goberno galego permitirá cubrir a importante demanda do sector nesta comarca, sen que os estudantes teñan que trasladarse aos centros da Coruña e Santiago de Compostela para cursar os novos ciclos que se van implantar. Así mesmo, puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia cunha maior tecnificación e innovación aplicada aos ciclos formativos e pensada para unha mellora da cualificación profesional, da empregabilidade e das condicións laborais dos mozos que optan por esta modalidade de formación.

Este compromiso por parte da Administración autonómica, tal e como salientou o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, reflíctese na posta en marcha deste novo CIFP que se engade aos que xa funcionan nestes momentos na zona e que teñen unha ampla e recoñecida traxectoria como é o caso do Ferrolterra, o Rodolfo Ucha Piñeiro ou o novo CIFP de Leixa que tamén está previsto poñer en marcha o vindeiro curso.

Incremento na oferta

A conversión deste centro suporá un incremento de ata 80 novas prazas nestas ensinanzas ao tempo que se implantarán dous novos ciclos formativos. Así, ademais dos actuais ciclos formativos que se ofertan no Fraga do Eume está previsto que o alumnado tamén poida cursar o vindeiro curso os ciclos de grao superior en Axencias de viaxe e xestión de eventos e en Xestión de aloxamentos, completando case por completo o catálogo de titulacións desta familia profesional. O centro oferta tamén o ciclo de grao medio en Panadaría, repostaría e confeitaría, da familia profesional de Industrias alimentarias.

Este reforzo dos ciclos formativos leva parello unha reorganización educativa polo que os alumnos que este ano cursan Bacharelato e Educación Secundaria no actual IES Fragas do Eume pasarán o vindeiro curso ao IES de Breamo, o que permitirá ao alumnado acceder a máis programas educativos, así como a unha mellor oferta docente.

Oportunidade de emprego

A día de hoxe, a Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia está composta por 20 centros (dous deles en Ferrol) asentados nas principais cidades de Galicia e que, logo dunha traxectoria afianzada, ademais de atender ás necesidades de cualificación formativa, actúan como enlace cos sectores produtivos cos que manteñen unha interlocución fluída a través dos coordinadores dos centros e que ten unha incidencia directa nos cambios tecnolóxicos, de organización e aproveitamento de recursos que incide de maneira positiva tanto nos propios centros coma nas empresas.

Imaxes relacionadas