A Xunta apoia a través do programa ‘O teu Xacobeo’ a iniciativa ‘O camiño que nos une’ da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiron hoxe á presentación desta iniciativa na que participan oito deportistas luguesas para promover os valores da igualdade e o Xacobeo

O Goberno galego mobilizou 8M€ nas dúas edicións de ‘O Teu Xacobeo’ para apoiar un total de 400 proxectos na comunidade galega

Lugo, 10 de marzo de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; participaron esta mañá na presentación do proxecto O Camiño que nos une da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo, financiado ao abeiro do programa O Teu Xacobeo.

A proposta inclúese entre os 400 proxectos apoiados pola Xunta nas dúas edicións de O Teu Xacobeo cun investimento de case 8 millóns de euros. Na provincia lucense, subvencionáronse 24 propostas en 21 concellos que supoñen unha mobilización de 400.000 euros, e entre as que se atopa este Camiño que nos une.
Nesta iniciativa participan oito deportistas lucenses de renome que nos próximos meses promoverán en oito centros educativos os valores de igualdade e inclusión, así como o impulso das rutas xacobeas da provincia de Lugo e do impacto positivo que teñen na súa contorna.

Participarán a atleta Alessandra Aguilar, a xogadora profesional do Pescados Rubén Burela Futsal Lara Balseiro, a xogadora de volei Nuria Bouza, a piragüista Tania Fernández, a judoka Sara Álvarez, as atletas Saleta Fernández e Adiaratou Iglesias, así como Hilda Rodríguez, primeira deportista galega en acadar unha medalla nuns Xogos Paralímpicos.

Estas deportistas achegarán as súas experiencias ao alumnado do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro, o IES do Camiño de Palas de Rei, o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, o IES Basanta Silva de Vilalba, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, o IES Lama das Quendas de Chantada, o CPI de Castroverde e o IES Lucus Augusti, todos eles vencellados a algunha das rutas do Camiño na provincia (o Francés, o do Norte, o de Inverno e o Primitivo).
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que esta proposta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo é unha das beneficiarias de O Teu Xacobeo, que busca a implicación de municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo “participativo, descentralizado e cunha programación espallada por todo o territorio galego”.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, subliñou a importancia deste proxecto que consegue aglutinar nun mesmo proxecto a mulleres referentes deportistas, co Camiño de Santiago “como elemento vertebrador e integrador” e co fundamental traballo en materia de igualdade no ámbito educativo. “As mulleres galegas están a desempeñar un papel crucial achegando o seu talento, traballo e liderado en sectores clave como o turismo”, dixo. “Sen dúbida son referentes para os nenos e nenas; traballar na coeducación é imprescindible, achegar dende todos os ámbitos e visibilizar as Mulleres Galegas é fundamental”, engadiu López Abella.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou esta proposta que “toma como protagonistas a destacadas deportistas lucenses para poñer en valor a gran capacidade de esforzo e superación das mulleres, en campos nos que moitas veces parten en desvantaxe frente aos homes, como pode ser o deporte”. Ao mesmo tempo eloxiou a iniciativa da Asociación de Amigos do Camiño, por unir esta importante reivindicación á cultura e á educación, tomando como fío condutor os camiños das rutas xacobeas. “Iniciativas como esta permiten dar visibilidade e reivindicar o importante papel da muller en todos os ámbitos, durante os 365 días do ano para conseguir un obxectivo que a Xunta comparte, como é a consecución dunha igualdade real e efectiva”, sinalou.

Imaxes relacionadas