A Xunta reforzará o cadro de persoal do ámbito da saúde mental coa contratación de 120 novos profesionais

A medida insírese no Plan de Saúde Mental postcovid-19 2020-2024, optimizando a calidade asistencial e incidindo na prevención e detección precoz das doenzas mentais

García Comesaña anuncia a aprobación do Plan Funcional da Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo do 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, da contratación, durante o ano 2021, de 120 novos profesionais do ámbito da Saúde mental. Así mesmo, anunciou que nos vindeiros catro anos se levarán a cabo outras 120 contratacións neste ámbito sanitario.

Dun xeito desagregado, Sanidade ampliará en 2021 os seus cadros de persoal coa incorporación de 32 facultativos da área de psiquiatría, 31 especialistas en psicoloxía clínica, 12 traballadores sociais, 32 profesionais de enfermaría en saúde mental, 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e 2 terapeutas ocupacionais.

A medida, que se insire dentro do Plan de Saúde Mental postcovid 2020-2024, e cuxa dotación ascende até os 83 millóns de euros, contribúe a optimizar a calidade asistencial nos centros sanitarios galegos e incidirá na prevención e detección precoz das doenzas mentais. Así, durante o presente ano, 12 millóns de euros fican destinados ao Plan de Saúde Mental.

Durante a súa intervención, o responsable de Sanidade apuntou que esta ampliación de persoal posibilitará pór en marcha novos programas de enlace coa atención primaria e hospitalaria en cada unhas das áreas sanitarias galegas, reforzar os equipos e programas de hospitalización psiquiátrica a domicilio, levar a cabo programas de prevención de suicidio, incrementar o número de prazas de rehabilitación psiquiátrica en Santiago; crear unha unidade de psicoxeriatría en Ourense, crear unidades de saúde mental en Coruña, Santiago e Vigo ou pór en marcha tres hospitais de día infanto-xuvenís en Santiago, Lugo e Vigo, ademais de traballar na ubicación dun cuarto, que se emprazará en Ourense.

Garcia Comesaña remarcou que a Xunta xa ten aprobado o Plan Funcional da Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro, explicando que este ano se poderá licitar a redacción e execución do proxecto, e así “facelo unha realidade”.
 

Imaxes relacionadas