A Xunta remata a nova glorieta na intersección das estradas LU-652 e LU-546, en Bóveda, para reforzar a seguridade viaria na contorna

O delegado territorial, Javier Arias, sinala que se investiron 212.000 euros na execución da rotonda, que conta cun diámetro exterior de 41 metros

A infraestrutura consta de dous carrís de 4 metros, beiravías de 1 metro de ancho e accesos e saídas cun único carril

Na saída da glorieta cara á Pobra do Brollón permitirase un xiro á esquerda para acceder ao parque empresarial e instalouse un paso de peóns con semáforos

Santiago de Compostela, 5 de marzo 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar a execución dunha glorieta na intersección das estradas LU-652 e LU-546, ao seu paso polo concello de Bóveda co fin de reforzar a seguridade viaria na contorna.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación acompañado polo alcalde, José Manuel Arias, e explicou que se investiron máis de 212.000 euros nesta obra.

A rotonda conta cun diámetro interior de 21 metros e un diámetro exterior de 41 metros, con accesos e saídas cun único carril. Os traballos tamén incluíron o acceso ao camiño de servizo existente na marxe esquerda do eixo Lugo-A Pobra do Brollón.

Na saída da glorieta, na dirección Pobra do Brollón, permitirase un xiro á esquerda para acceder á vía existente cara ao parque empresarial de Bóveda.
Neste punto proxectouse un paso de peóns accionado mediante semáforos e a instalación da semaforización correspondente, dando así continuidade a unha rede peonil existente na zona.

As obras tamén contemplaron o repintado de marcas viarias e a colocación de nova sinalización vertical, balizamento e defensas, así como a reubicación da farola existente ao centro da glorieta.

A Xunta, a través deste tipo de actuacións, continúa traballando para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios nas estradas autonómicas.