A Xunta adxudica a elaboración de dous estudos para reforzar as infraestruturas e a competitividade da Eurorrrexión Galicia-Norte de Portugal

Un dos contratos, que analizará a implantación de aparcadoiros para vehículos de mercadorías perigosas na Eurorrexión, adxudicouse por importe de 52.000 euros

O segundo contrato, que estudará as necesidades para mellorar as infraestruturas das comunicacións na Eurorrexión, adxudicouse por importe de case 89.000 euros

Estas actuacións enmárcanse no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ‘Cologistics’, dotado cun investimento total de 2,2 M€

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar os contratos para a elaboración de dous novos estudos para reforzar as infraestruturas da Eurorrexión Galicia-Norte do Portugal.

O primeiro contrato, para analizar a viabilidade da implantación dunha rede de aparcadoiros para vehículos de mercadorías perigosas na Eurorrexión, foi adxudicado á empresa Eptisa Servicios de Ingeniería S.L. por importe de 52.000 euros, cun prazo dun ano.

O estudo incidirá nas diferentes opcións para a implantación dunha rede de aparcadoiros para este tipo de vehículos, para completar o traballo cunha valoración e comparación das opcións estudadas e a selección e programación das recomendadas.

O segundo contrato, para o estudo global das necesidades prioritarias para a mellora das infraestruturas das comunicacións na Eurorrexión, foi adxudicado á empresa GOC S.A, por importe de case 89.000 euros, tamén cun prazo dun ano.

Este proxecto versará sobre a análise da situación das infraestruturas de transporte, tanto de viaxeiros como de mercadorías, en todos os modos de transporte, incluíndo o realizado por estrada e por ferrocarril, así como o marítimo e aéreo.

O contrato centrarase na análise da situación actual e a tendencia de evolución dos fluxos actuais de viaxeiros e de mercadorías entre Galicia e o Norte de Portugal, así como das condicionantes de tipo xeográfico, ou socioeconómicos, técnicos, que inflúen na súa configuración e nas posibilidades de mellora.

Tamén se avaliarán as opcións de mellora das infraestruturas que conectan a Eurorrexión en todos os modos de transporte, así como das que permiten a intermodalidade entre eles: ampliación de capacidade, mellora técnica das infraestruturas existentes, creación de novas infraestruturas. Neste traballo, definirase a nivel de estudo informativo, as actuacións derivadas do estudo de viabilidade e, en particular, da conexión con Portugal da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).

Estas actuacións enmárcanse nos traballos que está a desenvolver a Xunta no marco do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ‘Cologistics’.

‘Cologistics’ é un proxecto impulsado, principalmente, pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e polo Instituto Galego de Promoción Económica, que coa participación doutros socios, comparte o interese por reforzar a competitividade económica e empresarial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e está dotado cun orzamento de 2,2 M€.