O conselleiro de Sanidade destaca a boa evolución epidemiolóxica de Galicia respecto da incidencia da covid e volve apelar á prudencia da cidadanía

O conselleiro anunciou a realización dunha proba piloto de vacinación na Cidade da Cultura, mañá xoves, na que están citados 1.000 cidadáns da área de Santiago

Tamén sinalou que os albergues recuperan o seu funcionamento, así como as actividades de turismo activo e as clases de canto e instrumentos de vento

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, remarcou que Galicia é a comunidade autónoma que máis probas diagnósticas realiza

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe a boa tendencia epidemiolóxica de Galicia respecto da incidencia da covid na nosa comunidade, pero a pesar desta situación fixo un chamamento á prudencia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou que, logo da reunión do comité clínico, os concellos que a partir do vindeiro venres estarán no nivel máximo de restricións son: Paradela, Pobra do Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures.

No nivel alto quedarán quedarán os concellos de Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado.

O máximo responsable da sanidade pública galega destacou o importante esforzo diagnóstico que está a facer a Xunta de Galicia e, ao respecto, anunciou a próxima incorporación co Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña ás probas de deteccion da covid.

Respecto do plan de vacinación, García Comesaña destacou a aposta pola atención primaria, pola súa experiencia neste campo, e incidiu no bo ritmo de vacinación no grupo de maiores de 80 anos.

Proba piloto na Cidade da Cultura

O conselleiro anunciou a realización dunha proba piloto de vacinación na Cidade da Cultura, mañá xoves, na que están citados 1.000 cidadáns da área de Santiago, menores de 55 anos. A citación estase a facer por SMS, cunha posterior confirmación a través dunha chamada telefónica automática.

Esta vacinación dun importante número de persoas levarase a cabo o vindeiro sábado no resto de áreas sanitarias, no que se citarán a un total de 20.000 persoas.

Dada a boa evolución da situación epidemiolóxica, o conselleiro tamén anunciou que os albergues recuperan o seu funcionamento, cos dormitorios colectivos ao 30%, así como as actividades de turismo activo, como máximo 4 persoas (3 turistas e un monitor), e as clases de canto e instrumentos de vento.

Primeira comunidade no número de probas

Na súa intervención, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, tamén destacou o descenso da incidencia da covid, cunha diminución, na incidencia a sete días, do 21%, e do 24% de descenso a 14 días. Na actualidade, a incidencia acumulada a 7 días en Galicia sitúase en 37 casos por 100.000 habitantes, e a incidencia a 14 días en 90 casos por 100.000 habitantes, -remarcou Carmen Durán-.

Incidiu tamén, a directora xeral, no importante número de probas diagnósticas realizadas que, na última semana, acadou a cifra de 90.566, sendo Galicia a comunidade autónoma que máis probas diagnósticas realiza, un total de 3.354 por 100.000 habitantes, mentres que a media española é de 1.644.

Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores Arias, amosou a súa satisfación pola boa situación asistencial, coa dimunición da presión asistencial. A ocupación das camas de hospitalización sitúase nun 4.06%, cunha caída do 22%; e a ocupación das UCI é do 14%, cunha caída do 27%.

O membro do comité clínico, Sergio Vázquez, remacou que aínda hai presión asistencial, polo tanto, apelou á prudencia e a manter as medidas de seguridade, incluído a poboación vacinada.

Imaxes relacionadas