A Xunta colaborará coa Autoridade Portuaria de Vigo na formación do persoal de vixilancia, seguridade e atención ao cidadán a través da AGASP

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, o convenio de colaboración para dotar á policía portuaria dunha formación específica co obxectivo de mellorar a súa actividade profesional

Alfonso Rueda destacou o compromiso da Academia para formar aos axentes das forzas e corpos de seguridade e aos efectivos dos servizos de emerxencia
 

Vigo, 10 de marzo de 2021

A Xunta colaborará coa Autoridade Portuaria de Vigo na formación específica a través da Academia de Seguridade Pública de Galicia (AGASP) dos axentes da policía portuaria co obxectivo de acadar un mellor desenvolvemento profesional deste colectivo.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron hoxe o convenio de colaboración, mediante o cal AGASP organizará e impartirá a formación destinada a este persoal encargado da vixilancia, a seguridade e policía en zonas comúns das instalacións portuarias, así como da atención ao cidadán. Ao acto tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Alfonso Rueda destacou a importancia de contar con profesionais ben preparados e formados para garantir a seguridade nas instalacións portuarias e poder prestar unha atención eficiente ante calquera incidencia en colaboración coas forzas de seguridade e os servizos de emerxencias.

Nesta liña, incidiu na colaboración da AGASP con outras institucións para impulsar a formación do seu persoal e sinalou que é un centro de formación de referencia e punto de encontro para as forzas e corpos de seguridade e os efectivos de emerxencias, onde poden actualizar os coñecementos relacionados coa súa actividade profesional. De feito, a Xunta vén de convocar 32 actividades con máis dun milleiro de prazas para as forzas e corpos de seguridade e no plan anual de actividades da Academia para este ano reforzaranse os cursos destinados aos servizos de emerxencias que actuarán en actos que se van desenvolver no Xacobeo, con 150 programas previstos para 3.850 efectivos.

Ademais, a Academia Galega de Seguridade Pública tamén está a formar aos alumnos dos procesos de selección para optar a prazas para Policía Local centralizados pola Xunta. A Administración autonómica publicou en 2017 un decreto para unificar e centralizar na AGASP as oposicións de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen. Neste ano, 94 alumnos da 13ª promoción de Policía Local formaranse na Academia unha vez superen o proceso selectivo do que xa se celebraron as primeiras probas o pasado 26 de febreiro. Tanto no proceso de selección como na formación na Academia estanse a cumprir tódalas medidas de prevención ante a covid-19.