A Xunta licita por preto de 454.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-840 entre Porzomillos e Oza, no concello de Oza-Cesuras

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 5 de abril para a execución dunha senda e a mellora da intersección da estrada ao seu paso polo municipio

O obxectivo da Xunta é iniciar este mesmo ano ambas as dúas intervencións, que se realizarán de xeito coordinado e simultáneo

Atendendo á solicitude do Concello construirase un itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, de preto de 1,4 quilómetros de lonxitude

Intervirase na intersección que conecta esta estrada autonómica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña

Actuarase no punto intermedio do itinerario da senda, para o que se executarán novos carrís de aceleración e deceleración, así como dous carrís centrais de espera que permiten os xiros á esquerda

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe, por importe de preto de 454.000 euros, as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-840 entre Porzomillos e Oza, no concello de Oza-Cesuras.

Trátase da construción dunha senda entre este dous núcleos e da reordenación dunha intersección na estrada de titularidade da Xunta AC-840, ao seu paso polo municipio.

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas dúas actuacións, cun prazo para a presentación de ofertas que remata o vindeiro 5 de abril.

O obxectivo da Xunta é iniciar este mesmo ano ambas as dúas intervencións, de xeito coordinado e simultáneo, para facilitar os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada ao tempo que se reforzará a seguridade viaria na contorna.

Senda peonil e ciclista

Atendendo á solicitude do Concello construirase unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

Con esta actuación, licitada por un investimento de case 267.000 euros, melloraranse as actuais prestacións da estrada, permitindo un movemento seguro dos usuarios máis vulnerables.

O novo itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, construirase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade. Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase da mesma por un bordo de formigón.

Nas interseccións da senda con outras vías rematarase, tanto ao inicio como ao final, con 1 metro de baldosa podotáctil.

A construción desta senda leva aparellada a disposición dos dispositivos necesarios para a recollida e evacuación das augas superficiais, o retranqueo dos postes de telecomunicacións e a recolocación das sinais existentes.

Reordenación da intersección da AC-840

A outra intervención prevista de mellora da seguridade nesta vía céntrase na reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000. As obras foron licitadas por un importe que rolda os 187.000 euros.

Trátase da reordenación da intersección, que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permiten todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.

Con estas actuacións a Xunta continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.