A Xunta somete a información pública o proxecto para habilitar un aparcadoiro na contorna do novo centro de saúde de Narón

As achegas relativas ao proxecto poderán formularse ata o vindeiro 26 de abril

A intervención enmárcase nun acordo polo que a Xunta realiza a tramitación técnica do proxecto e o Concello financiará, licitará e executará as obras

A actuación implica habilitar 138 prazas de aparcadoiro, engadindo catro adicionais para persoas con mobilidade reducida e dúas para vehículos sanitarios

O aparcadoiro, con dous accesos, incluirá dúas glorietas para distribuír o tráfico e habilitaranse áreas para o tránsito peonil, zonas verdes e un carril bici
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para habilitar un aparcadoiro na estrada AC-862, na contorna do novo centro de saúde de Narón.

As persoas que o desexen poderán formular observacións e achegas relativas ao trazado ata o vindeiro 26 de abril. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste procedemento: https://bit.ly/38n4Elx

O obxectivo do proxecto é definir un aparcadoiro vinculado á estrada AC-862 e á vía de acceso ao novo centro de saúde en Narón.

Estas actuacións contribuirán, tanto a solucionar os actuais problemas de estacionamento na zona das instalacións sanitarias, como a reforzar a seguridade viaria na estrada de Castela.

A intervención enmárcase nun acordo polo que a Xunta realiza a tramitación técnica do proxecto ata a súa aprobación definitiva, pois a regulación da Lei 8/2013 de Estradas de Galicia posibilitará de modo automático o aparcadoiro desde o punto de vista urbanístico. O Concello de Narón financiará, licitará e executará as obras.

O proxecto, redactado pola Axencia Galega de Infraestruturas, implica habilitar 138 prazas de aparcadoiro, engadindo catro adicionais para persoas con mobilidade reducida e dúas para vehículos sanitarios.

Para executar este aparcadoiro, cun investimento de case 600.000 euros, executarase a explanación da parcela, anexa tanto á AC-862 como ao Camiño do Lodairo, que necesita de dous muros de formigón.

As obras abranguen a disposición dunha zona de aparcadoiro, cunha vía perimetral de circulación de dobre sentido e unhas vías interiores de sentido único. Haberá dous accesos, un de entrada, situado ao sueste, e outro de entrada e saída, ao suroeste.

Ademais disporanse dúas glorietas para distribuír o tráfico entre os accesos e a vía perimetral, áreas reservadas para o tránsito peonil, zonas verdes, un carril bici e un aparcadoiro de bicicletas.

Estas actuacións darán servizo ao novo centro de saúde de Narón, que estará finalizado nas vindeiras semanas tras o investimento da Xunta de 5,4 millóns de euros.