Trenor enxalza o esforzo de entidades como AFACO na prevención e na loita contra o alzheimer

A Coruña, 9 de marzo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta tarde coa presidenta da Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias afíns da Coruña (AFACO), María del Carmen Martínez Pulleiro, e coa súa directora, Elisa Catoira, para achegarse ao labor que leva a cabo a entidade.

O representante do Goberno galego destacou a importancia do traballo realizado pola asociación, así como a calidade dos servizos que brinda. Neste senso, apuntou que a Xunta de Galicia colabora coa entidade en programas que contan con tanta demanda como o servizo de transporte adaptado, axudas técnicas, atención diurna, envellecemento activo, prevención da deterioración cognitiva e respiro familiar.

Gonzalo Trenor aproveitou a ocasión para reafirmar o sólido compromiso da Xunta coas entidades que, como AFACO, axudan a quen ten demencia e ás súas familias, quen, como apuntou o delegado da Xunta na Coruña, necesitan apoio para afrontar a súa tarefa como coidadores.

"A Xunta, a través da Consellería de Política Social, pon todos os seus medios e a súa vontade ao servizo das asociacións que traballan na prevención e na loita contra o alzheimer pero que, sobre todo, apoian incondicional e decididamente aos seus familiares", engadiu.

Imaxes relacionadas