A Xunta e o Concello de Paradela colaborarán na recuperación e posta en valor dos soutos e dos viñedos deste municipio

A Consellería solicitou ao Concello información sobre a localización dos soutos de castiñeiros, con vistas á delimitación dos seus perímetros para a mellora do seu aproveitamento

Avaliouse a posibilidade de poñer en marcha un polígono agroforestal no núcleo de Aldosende, o que permitirá proceder á actualización do catastro e á reorganización da propiedade, para destinar os terreos a actividades gandeiras
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe co alcalde de Paradela, José Manuel Mato, para coñecer as necesidades do agro neste municipio lugués e para avanzar na recuperación e posta en valor dos seus terreos para potenciar os tres usos do solo, agrario, gandeiro e forestal. Nesta xuntanza de traballo tamén participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

No encontro, o conselleiro solicitou ao alcalde información sobre as zonas de localización de soutos de castiñeiros dentro do termo municipal, con vistas a delimitar os seus perímetros e recuperar esa riqueza para os veciños. Así, a Xunta e o Concello traballarán para poñer en valor o Espazo Natural de Interese Local Loio-Ruxidoira, que conta con 437 hectáreas de extensión, co fin de aproveitar as posibilidades que ofrece especialmente pola riqueza dos seus soutos. Tamén se exploraron as oportunidades que ofrece o territorio municipal para o cultivo do viño na denominación de orixe Ribeira Sacra, dentro da subzona de Ribeiras do Miño.

Outro dos asuntos tratados foi a posibilidade de poñer en marcha un polígono agroforestal arredor do núcleo de Aldosende, o que permitirá proceder á actualización do catastro e á reorganización da propiedade para destinar os terreos a actividades gandeiras. Neste sentido, os responsables da Consellería destacaron que a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento, dará carta de natureza legal a este tipo de figuras, xunto a outras ferramentas como as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta. Con todas elas perséguese optimizar e mellorar a produtividade dos terreos agrogandeiros e forestais, mediante o agrupamento e recuperación dos predios.

Rexistro de frondosas

En relación co aproveitamento forestal, neste encontro abordouse tamén a posible inclusión dalgún dos soutos do municipio no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Este trámite permite aos titulares destes terreos ter prioridade nas axudas públicas para mellora silvícola das masas, así como beneficiarse de vantaxes fiscais na súa xestión.

Na xuntanza tamén se explicaron, por parte dos responsables da Consellería, os traballos de loita biolóxica fronte ao cancro e a avespiña do castiñeiro, de gran importancia para un concello cunha clara vocación na xestión e posta en valor dos aproveitamentos forestais dos soutos.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural