A Xunta remata un novo lote de melloras e distribución de espazos no centro de saúde de Baltar coa impermeabilización da cuberta

O delegado territorial, Luis López, visita esta actuación, realizada con recursos propios da área sanitaria, co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o xerente José Ramón Gómez

Antes do arranxo das filtracións, acometeuse a creación de estancias para pernoctacións dos servizos de urxencias, a remodelación da zona da matrona, a reforma das salas de extracións e a ampliación de pediatría

“Trátase de mellorar de xeito continuado a confortabilidade e a funcionalidade dun punto médico de gran importancia para que os usuarios estean nas mellores condicións e que ademais ten moitos pacientes no verán”, sinala Luis López

Sanxenxo, (Pontevedra) 9 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, vén de rematar un novo lote de melloras a distribución de espazos no centro de saúde de Baltar, na localidade de Portonovo, co remate da impermeabilización da cuberta para corrixir as filtracións de auga na zona de acceso.

Con motivo desta actuación, realizada con recursos propios, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este punto médico xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez.

“Dende a Xunta de Galicia estamos a facer unha aposta decidida pola atención primaria, coa construción ou remodelación integral de 38 centros de saúde nesta lexislatura, e tamén con pequenas actuacións naqueles edificios, como este de Portonovo, que están en boas condicións pero que precisan de axustes e reparacións para mellorar de xeito continuado a confortabilidade e funcionalidade”, manifestou o representante autonómico, que engadiu que o obxectivo pasa por “ter espazos modernos e cómodos onde se poida prestar a mellor atención e que os usuarios estean en perfectas condicións”.

A actuación realizada no centro de saúde de Baltar, que concluiu coa impermeabilización de parte da cuberta, incluira previamente a creación e habilitación de estancias para as pernotacións dos servizos de urxencias, a remodelación da zona da matrona, a reforma das salas de extracións e a ampliación de pediatría.

“Creo que todos estes traballos permiten que o centro de saúde de Baltar ofreza un servizo de primeiro nivel, sendo dos mellores de entre os 44 da área sanitaria, e ademais é algo que é necesario porque ten moitos usuarios, especialmente na época de verán”, detallou o delegado territorial, que recolleu varias inquedanzas do alcalde sobre as posibilidades de turismo seguro de cara a Semana Santa e tamén as súas peticións sobre a dotación dunha ambulancia medicalizada na época estival e o reforzo da Policía Autonómica.

Imaxes relacionadas