A Xunta acorda coa hostalería unha desescalada segura, gradual e baseada na mellora da situación sanitaria en Galicia

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, mantiveron unha reunión cos representantes dos hostaleiros para coñecer as súas prioridades perante a mellora da situación sanitaria

As axudas do segundo plan de rescate, das que xa se recibiron máis de 37.000 peticións, comezarán a pagarse neste mes de marzo

Malia o incremento dos controis, as denuncias baixaron nos últimas días, o que demostra o esforzo do sector e o bo comportamento dos seus clientes

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

A Xunta consensuará cos representantes da hostalería galega os pasos que se van dar para a progresiva reapertura do sector no marco dunha desescalada gradual e segura, tal e como se acordou hoxe nun encontro entre os representantes da Administración autonómica e dos hosteleiros para coñecer as prioridades do sector nun proceso baseado na baixada de contaxios e que é froito dun esforzo colectivo.

Na reunión, á que asistiron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Traballo, María Jesús Lorenzana, acordouse que os hostaleiros farían as súas propostas sobre como ir desescalando nas vindeiras semanas e ir ampliando horarios e reabrindo os negocios que aínda permanecen pechados se se manteñen os bos datos epidemiolóxicos dos últimos días. Esas propostas serán analizadas posteriormente polo comité clínico, que avaliará a súa idoneidade.

De feito, pese a que nos últimos días se incrementaron os controis sobre as restricións, as denuncias baixaron, proba do bo comportamento dos clientes e do interese dos profesionais por cumprir as normas do plan de hostalería segura.

No encontro tamén se falou da progresiva implantación das medidas para o control da capacidade dos locais e dos contaxios, como son a descarga dos carteis de ocupación e do código QR. Dous de cada tres hostaleiros xa os descargaron e fan uso deles, pero como recordou o vicepresidente primeiro no encontro, o venres remata o prazo para adaptarse á norma, de aí que solicitase aos representantes do sector que informen aos seus asociados da necesidade de aplicar estas medidas.

A Xunta segue do lado do sector para consensuar unha desescaldada segura e para axudalo a saír destra crise, de aí a posta en marcha do segundo plan de rescate, do que xa se teñen recibido 37.000 solicitudes de axudas directas que comezarán a pagarse neste mes de marzo.

Alfonso Rueda contrastou esta dilixencia da Xunta para o pago das axudas coa falta de concreción do Goberno central, que aínda non precisou as anunciadas hai días e que segue sumido en discusións e divisións internas que en nada axudan a un sector que precisa liquidez e plans de recuperación.

Imaxes relacionadas