A Xunta inicia o trámite para que as farmacias galegas subministren sistemas personalizados de dosificación de medicamentos aos pacientes

O portal de transparencia da Xunta publica, para as achegas da cidadanía, o anteproxecto de Decreto polo que se regulan as condicións e os requisitos para a preparación e entrega dos sistemas personalizados de dosificación de medicamentos nas oficinas de farmacia de Galicia

O executivo galego pretende, con esta medida, harmonizar os criterios aplicables a esta actividade para asegurar que, os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos preparados e entregados, cumpran os requisitos mínimos de seguridade e calidade

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vén de iniciar o trámite para que as farmacias galegas subministren sistemas personalizados de dosificación de medicamentos aos pacientes. A tal efecto, o portal de transparencia do Goberno galego vén de publicar a información relativa ao anteproxecto de Decreto polo que se regulan as condicións e os requisitos para a preparación e entrega dos sistemas personalizados de dosificación nas oficinas de farmacia de Galicia. O texto permanecerá publicado ata o día 23 do presente mes, a efectos de que a cidadanía que o desexe poida presentar as súas achegas e opinións ao respecto, por vía electrónica, a través do formulario habilitado ao efecto.

Os sistemas personalizados de dosificación son unha ferramenta dentro da atención farmacéutica. Os requisitos e condicións para a súa elaboración e entrega de sistemas personalizados de dosificación, así como o procedemento para que as oficinas de farmacia comuniquen a realización desta actividade á autoridade sanitaria da Xunta, non están definidos por agora.

En consecuencia, resulta pertinente recoller na lexislación o procedemento polo que as oficinas de farmacia de Galicia comunican á autoridade sanitaria que realizan a actividade de elaboración e entrega de sistemas personalizados de dosificación para seren facilitados aos pacientes que o soliciten, co fin de mellorar o cumprimento farmacoterapéutico así como as condicións e os requisitos para desenvolver a actividade nunha norma regulamentaria, tal e como se recolle na Lei de Ordenación farmacéutica de Galicia.

A proposta de norma proporcionará un modelo de declaración responsable e a información sobre a documentación a achegar por parte dos interesados para a tramitación das comunicacións responsables, co obxecto final de establecer o proceso. Ademais, con esta iniciativa, trátase de harmonizar os criterios aplicables a esta actividade para asegurar que, os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos preparados e entregados, cumpran os requisitos mínimos de seguridade e calidade.

Imaxes relacionadas