A Xunta colabora co concello de Vilariño de Conso no reforzo da seguridade viaria na contorna do CEIP San Martiño cun investimento de case 26.000 euros

Actuarase na vía OU-0701 na que se atopa tamén un viveiro de empresas, o albergue de peregrinos e a futura residencia, en construción

Executaranse beirarrúas e habilitarase un paso de peóns no entorno do colexio, dotando a zona dunha iluminación axeitada e varanda

A Xunta asumirá o custo das actuacións, correspondéndolle á Administración local a licitación e a execución das obras, así como a xestión dos terreos necesarios e a reposición de servizos afectados non incluídos no proxecto
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o reforzo da seguridade viaria na contorna do CEIP San Martiño, que suporá un investimento autonómico de preto de 26.000 euros.

O convenio de colaboración, asinado de xeito telemático, ten como obxecto desenvolver distintas actuación na vía OU-070, que vertebra o municipio, e en cuxas beiras se atopan diversos equipamentos educativos e sociais, como o CEIP San Martiño.

Esa zona carece de beirarrúas, paso de peóns e dunha iluminación axeitada. Ademais, nesta vía tamén se atopan un viveiro de empresas e un albergue de peregrinos, ademais da futura residencia, aínda en construción.

O convenio asinado hoxe recolle os traballos necesarios para reforzar a seguridade viaria nesa contorna, coa execución de beirarrúas e dun paso de peóns no entorno do colexio. Ademais dotarase a zona dunha iluminación adecuada coa instalación eléctrica soterrada a base de plafóns integrados na propia beirarrúa, ademais de instalación de varanda entre o talude e a beirarrúa.

A Xunta asume o custo da execución destas actuacións, mentres que o Concello se compromete á licitación e á execución das obras. A entidade local asumirá, ademais, a xestión de todos os terreos necesarios, así como a reposición de servizos e servidumes afectados non incluídos no proxecto.

Este convenio enmárcase na aposta do Goberno galego pola mellora da seguridade viaria e polo fomento dunha mobilidade a pé máis segura para os usuarios vulnerables das estradas, tamén nos municipios máis pequenos, coma este de Vilariño de Conso, contribuíndo á calidade de vida dos seus veciños.
 

Imaxes relacionadas