O delegado da Xunta na Coruña avanza a licitación das obras de mellora da seguridade viaria na AC-840 entre Porzomillos e Oza que suporán un investimento de máis de 482.000 euros

Gonzalo Trenor detalla que se trata de dúas intervencións, a reordenación dunha intersección e a execución dunha senda, que facilitarán os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada e mellorarán a seguridade viaria nesa contorna

Oza-Cesuras (A Coruña), 9 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e o alcalde de Oza-Cesuras, José Pablo González Cacheiro, visitaron esta mañá a zona na que se levarán a cabo as obras de reordenación dunha intersección e da construción dunha senda peonil e ciclista entre os núcleos de Porzomillos e Oza na estrada AC-840, que suporá un investimento autonómico de máis de 482.000 euros.

No marco da visita, o delegado da Xunta avanzou a licitación das obras, nesta mesma semana. O obxectivo da Xunta é iniciar este mesmo ano as dúas intervencións, de xeito coordinado e simultáneo, que facilitarán os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada ao tempo que mellorarán a seguridade viaria na contorna.

Itinerario peonil e ciclista

Atendendo á solicitude do Concello construirase unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

Con esta actuación, que conta cun investimento de preto de 292.000 euros, melloraranse as actuais prestacións da estrada, permitindo un movemento seguro dos usuarios máis vulnerables.

O novo itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, construirase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade. Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase da mesma por un bordo de formigón.

Nas interseccións da senda con outras vías rematarase, tanto ao inicio como ao final, con 1 metro de baldosa podotáctil.

A construción desta senda leva aparellada a disposición dos dispositivos necesarios para a recollida e evacuación das augas superficiais, o retranqueo dos postes de telecomunicacións e a recolocación das sinais existentes.

Reordenación da intersección da AC-840

A outra intervención prevista de mellora da seguridade nesta vía céntrase na reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000, que suporá un investimento de máis de 191.000 euros.

Trátase da reordenación da intersección, que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda, e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permiten todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.

Imaxes relacionadas