A Xunta adxudica a redacción do estudo de alternativas para o saneamento e depuración na parroquia de Borbén, no concello de Pazos de Borbén

O contrato, cun investimento de máis de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 3 meses

Augas de Galicia atende a solicitude de colaboración da entidade local para dotar a parroquia dun sistema de saneamento e depuración do que actualmente carece
 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do estudo de alternativas para o saneamento e depuración na parroquia de Borbén, no concello de Pazos de Borbén.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 18.000 euros, foi adxudicado á empresa Diagrama Ingeniería Galicia S.L. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de 3 meses.

Este estudo atende a solicitude de colaboración realizada desde a Administración local a Augas de Galicia de cara a acadar unha solución que permita dotar a parroquia de Borbén, a terceira máis poboada do municipio pontevedrés, dun sistema de saneamento e depuración das augas residuais do que actualmente carece.

Os traballos a realizar pola Xunta consisten na redacción do citado estudo de alternativas para acadar a mellor solución de cara a mellorar a depuración da auga residual dos lugares de Cuartos de Borbén, O Mosteiro, O Pousiño e Sequeiros, propoñendo a parcela ou parcelas precisas.

O contrato inclúe a realización dunha análise da problemática a resolver e, no seu caso, a obtención dos datos previos necesarios. Tamén se incluirán traballos de inventario ou levantamentos topográficos precisos e, no seu caso, traballos xeotécnicos, hidrolóxicos e hidráulicos dos leitos dos ríos próximos ás posibles implantacións e a posible incidencia de Rede Natura.

O adxudicatario deberá realizar unha análise de viabilidade das parcelas propostas para a implantación das estacións de tratamento de augas residuais, tendo en conta os aspectos urbanístico, a Lei do Solo, a presenza de cursos de auga e as estradas.

Os traballos completaranse coa elaboración dun estudo de alternativas, valoración económica destas, e co desenvolvemento en detalle da mellor alternativa para dar solución ás necesidades de saneamento e depuración desta parroquia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén a súa vontade de cooperar cos concellos para a mellor prestación dos servizos municipais de abastecemento e de saneamento de auga á poboación.