O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia

A Xunta e o Clúster da Madeira elaborarán un estudo para impulsar o deseño industrial en toda a cadea de valor do sector

O obxectivo é iniciar un programa de apoio ás empresas galegas para avaliar novos mercados, deseñar catálogos, elaborar e certificar prototipos e promover a comercialización

Conde subliña que un dos principais retos que afronta o sector neste momento é afondar nos novos usos da madeira, o que implica facer unha dobre aposta pola innovación e o deseño

Sostén que a industria forestal galego ten que aproveitar o proceso de transición ecolóxica e dixital como unha oportunidade de transformación e de modernización
 

Santiago de Compostela, 9 marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza en Santiago de Compostela con representantes do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia onde acordaron colaborar na elaboración dun estudo sobre as oportunidades para impulsar o deseño industrial en toda a cadea de valor da madeira.

Segundo explicou o vicepresidente económico, o obxectivo é iniciar un programa de apoio ás empresas galegas para avaliar novos mercados, deseñar catálogos, elaborar e certificar prototipos e promover a comercialización. Ao respecto, subliñou que un dos principais retos que afronta o sector neste momento é afondar nos novos usos da madeira, o que implica facer unha dobre aposta pola innovación e o deseño.

Conde expuxo que a industria forestal galega ten que aproveitar o proceso de transición ecolóxica e dixital como unha oportunidade de transformación e de modernización. Unha oportunidade para crear unha industria máis sustentable facendo un mellor aproveitamento dos recursos forestais. Pero, tamén, para a diversificación de mercados, poñendo en valor as calidades da madeira galega da man de sectores como a construción e o contract.

Fondos europeos Next Generation

Neste contexto, os proxectos cos que Galicia opta aos fondos europeos Next Generation relacionados con este industria xiran en torno a catro grandes liñas estratéxicas: a produción de fibra téxtil de orixe forestal, a dixitalización do sector, a construción en madeira e a ecoinnovación.

Trátase de innovar no desenvolvemento de novos produtos e solucións renovables, reutilizables e reciclabes. E, ao mesmo tempo, trasladar esas calidades presentes na madeira a outros sectores como o contract, a construción ou o sector do moble, para convertelos en escaparate do deseño galego e do potencial da madeira local.

Conde apuntou que a industria forestal está chamada a liderar os avances cara á bioeconomía e a economía circular. E, nese sentido, reiterou que a Xunta de Galicia vai traballar ao lado do sector para implantar no tecido empresarial a cultura do deseño e a innovación.
 

Imaxes relacionadas