O presidente da Xunta respondeu hoxe as preguntas dos grupos no Pleno da Cámara

Galicia solicitará ao Goberno central a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes para abordar o novo escenario tralo levantamento do estado de alarma

Avoga por seguir avanzando tamén na Comisión parlamentaria de reactivación, constituída no mes de outubro: “Propoño avanzar, concretar, pechar as propostas da comisión e reunirnos posteriormente”

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, en resposta as preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, que Galicia solicitará ao Goberno central a celebración dunha Conferencia de Presidentes para abordar o novo escenario tralo levantamento do estado de alarma.

“Dentro dunhas semanas finalizará o estado de alarma e parécenos razoable pedir unha reunión da Conferencia de Presidentes, para concretar como imos traballar fóra do estado de alarma e sen vacinas suficientes para a inmunidade grupal”, dixo, incidindo na necesidade de manter un encontro entre o Executivo central e as comunidades.

Ao respecto, o titular da Xunta aproveitou a súa intervención para pedir o apoio de todos os grupos da Cámara, “porque, parece razoable -aseverou- que nos apoiemos nas cousas importantes”.

Nesta mesma liña, Feijóo avogou por seguir avanzando tamén na Comisión parlamentaria de reactivación, constituída no mes de outubro, co obxectivo de valorar as distintas propostas presentadas para continuar coas melloras da sanidade pública, coa garantía dos servizos públicos durante a pandemia e para ordenar as propostas de Galicia de cara á captación dos fondos europeos Next Generation.

“Estamos a falar dunha comisión na que se teñen celebrado 24 sesións de traballo, nestes cinco meses, e na que teñen comparecido 49 persoas”, recordou, facendo fincapé na importancia de continuar coa súa labor. “Propoño avanzar, concretar, pechar as propostas da comisión e reunirnos posteriormente”, abundou.

Imaxes relacionadas