Trenor destaca a figura do arquitecto Rodolfo Ucha como responsable dos proxectos de urbanización e dos edificios máis emblemáticos de Ferrol

O delegado da Xunta asistiu a unha acto no IES Leixa de recoñecemento a súa figura que contou coa presenza da súa única filla viva

O representante do Goberno autonómico animou o Concello a empregar o traballo gráfico dos alumnos do centro como promoción da cidade
 

Ferrol (A Coruña), 9 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu ao acto de recoñecemento á figura do ilustre arquitecto Rodolfo Ucha, con motivo do 40º cabodano do seu falecemento no IES Leixa, que contou coa presenza da súa única filla viva, Lucila Ucha de 93 anos de idade.

O delegado da Xunta destacou que “hoxe estamos aquí pola iniciativa do profesor de Deseño e Edición, José Antonio López, de plantexar aos seus alumnos un traballo que axuntase a homenaxe ao arquitecto co pulo a unha posible imaxe cidade. Froito deste esforzo conxunto elaborouse un material excepcional que entregamos a súa familia”.

Trenor incidiu en que “o proxecto do ciclo de Artes Gráficas, unha edición de bolsas inspiradas nos edificios máis emblemáticos que construíu na cidade, son tan extraordinarias que confiamos en que o Concello as converta nunha campaña de promoción da cidade”.

Rodolfo Ucha foi o responsable de numerosas reformas e de proxectos de urbanización, así como o autor de moitos dos edificios que hoxe destacan en Ferrol. Ucha Piñeiro foi un arquitecto ecléctico que durante toda a súa carreira mantivo unha gran permeabilidade cara ás novas correntes estéticas que se desenvolveron durante o primeiro terzo do século XX. Soubo recoller no seu aspecto formal e con gran despregamento imaxinativo desde o Modernismo ata o Racionalismo, pasando polo Art Déco e o Novo Eclecticismo.

O representante do Goberno galego agradeceu a presenza da única filla viva do arquitecto porque “estamos ante unha figura que debe seguir poñéndose en valor polo magnífico traballo que fixo nesta cidade, a súa imaxe actual non se entende sen o seu labor e os seus proxectos”.

Centro Integrado de Formación Profesional


No encontro tamén lembrou o excepcional traballo que se está realizando neste centro de formación e incidiu en que o ano que vén Ferrol contará neste edificio cun novo Centro Integrado de Formación Profesional, unha reivindicación do seu equipo directo que pronto se fará realidade.

Este cambio permitirá que o centro ferrolá incremente en máis de 250 as súas prazas e se implantarán seis novos ciclos formativos con propostas innovadoras. Esta conversión se enmarca na aposta por impulsar a actual rede de centros deste tipo e para acadar unha maior tecnificación e innovación aplicada aos ciclos formativos, pensada para unha mellor cualificación profesional e de empregabilidade para as mozas e mozos que optan por este tipo de formación.

Imaxes relacionadas