O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comparece no Parlamento para presentar as liñas de actuación do seu departamento

A Xunta impulsará o Plan Recupera para que o alumnado reforce as aprendizaxes non consolidadas durante a pandemia

“Sen baixar a garda ante a covid, cómpre avanzar para reactivar Galicia desde a educación e a cultura. Coidar o noso rico pasado e asegurar o futuro”, subliña

Destaca a dixitalización do ensino e unha FP innovadora e conectada co tecido produtivo como dúas prioridades de Goberno para esta lexislatura

Deseñarase unha nova carreira científica no Sistema Universitario de Galicia que fomente a estabilidade e impulse o talento dos nosos investigadores

Anuncia dúas leis para a transformación dixital da cultura e facilitar o acceso a todos, así como plans enfocados a novos creadores, o rural e a internacionalización

Salienta a posta en marcha do Plan Catedrais 2021-2027 tras o fito acadado na de Santiago dentro do firme compromiso coa conservación do patrimonio

Seguirase impulsando o emprego cultural, co primeiro programa específico para os videoxogos e a configuración dun hub para as industrias creativas

O Plan Educ-Arte dará pulo ás ensinanzas artísticas como canteira da cultura, coincidindo coa década xacobea, unha oportunidade de progreso

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta das liñas estratéxicas de actuación do seu departamento nesta lexislatura. Entre elas destacou o lanzamento do Plan Recupera, dirixido a reforzar as competencias non adquiridas polo alumnado ou as que presenten dificultades por mor da pandemia. O obxectivo é manter os estándares de calidade do sistema educativo galego, avalados por informes como o PISA e pola redución do abandono temperá.

En concreto, anunciou que se poñerán en marcha unha serie de estratexias educativas de recuperación das competencias que poidan non estar consolidadas dada a excepcionalidade do curso pasado e do presente, “o máis esixente en moito tempo”. Ante iso, identificaranse os puntos débiles na formación do alumnado para compensar os posibles efectos xerados, dando continuidade aos reforzos do programa ARCO.

“Orgulloso do sistema educativo e dunha cultura viva”

“Síntome orgulloso do sistema educativo galego e dos profesionais que o compoñen”, afirmou o conselleiro sobre o desenvolvemento do curso. “Grazas ao esforzo de todos a crise sanitaria non derivou nunha crise educativa”, un obxectivo fixado a principios de curso. “E a cultura, aínda con dificultades, mantense viva, reinvéntase e dá mostras unha vez máis da súa creatividade e capacidade de innovación”, subliñou no Pleno.

A piques de rematar o segundo trimestre, e aínda que a pandemia “segue a marcar o día a día de todos”, o conselleiro salientou que chegou “o momento de, sen baixar a garda, avanzar para reactivar o futuro de Galicia”. “Debemos coidar a cultura, o patrimonio e a lingua, que son o noso rico pasado. E preparar a educación das xeracións novas, que son o noso futuro prometedor”, resumiu na súa intervención.

Un modelo avalado polos resultados

Román Rodríguez fixo un balance satisfactorio do traballo da comunidade escolar no que vai de curso e das medidas tomadas para garantir a seguridade sanitaria nos centros educativos, cun investimento de 162M€ e o reforzo de 2.300 docentes. Tamén do esforzo para que a cultura siga no contexto da covid-19. Ao respecto, recordou que Galicia foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan de Reactivación, a través do que se fomentaron máis de 4.500 iniciativas, e que está a ser ampliado agora con 23M€.

Román Rodríguez referiuse ao modelo educativo propio impulsado por Galicia na última década e avalado hoxe polos resultados. “Hai que garantir o día a día, pero tamén traballar no presente pensando en recoller froitos a medio e longo prazo, xa que as decisións e accións que se fan hoxe tardan un tempo en visualizarse”, resumiu.

O primeiro paso nese camiño será a Oferta Público de Emprego, de case 4.000 prazas, que se celebrará o vindeiro mes de xuño e que incide “na peza máis valiosa do ensino: o profesorado”. Eles serán os encargados de aplicar os programas educativos que a Xunta porá en marcha neste mandato. E farano en colexios e institutos actualizados, algo que se concretará nun ambicioso plan que se aprobará este mesmo mes co obxectivo de modernizar a adaptalos ás necesidades actuais do ensino, tendo en conta que existen centros educativos en nove de cada dez dos concellos galegos.

Do STEM á Intelixencia Artificial no ensino

Ademais de actuar nos recursos, a Xunta intensificará a dixitalización e a dotación tecnolóxica do ensino coa nova estratexia Edudixital 2030, cun enfoque que integre equipamentos, contidos e adquisición de competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). “Queremos dar un paso máis –explicou o conselleiro–, incorporando a aprendizaxe sobre Intelixencia Artificial dun xeito transversal e con materias específicas, para todos os niveis educativos”. Esta nova acción suporá un salto cualitativo no ensino galego e irá acompañada da creación dun centro especializado no ensino para reforzar a formación do profesorado, o deseño de estratexias docentes ou a introdución de novas técnicas pedagóxicas.

Tamén se lle dará un novo pulo á FP, cunha nova estratexia específica para o período 2021-2025. A innovación tecnolóxica, o impulso da FP dual e da formación en centros de traballo, as competencias emprendedoras e afondamento nas relacións co tecido empresarial serán algúns dos eixos de actuación, fundamentais para mellorar e inserción laboral dos mozos titulados. Unha reformulación estratéxica que marca estas ensinanzas como unha prioridade do Goberno galego diante do reto de reactivar Galicia, tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta.

Coincidindo co Xacobeo 2021, a Xunta vai potenciar tamén as ensinanzas artísticas coa premisa de que, como afirmou Román Rodríguez, “a educación é a canteira da cultura”. Neste sentido, o novo Plan Educ-Arte nace para estimular estas vocacións, co obxectivo de mellorar os currículos e o funcionamento dos centros que imparten música, danza, artes plásticas, deseño ou conservación e restauración de bens.

Unha década xacobea para o crecemento

No eido da cultura, o conselleiro sinalou tres oportunidades que guiarán as políticas do Goberno galego: o aumento nun 27,4% dos orzamentos deste ano; a década xacobea, que funcionará como estímulo da actividade e o consumo, e os fondos europeos, que deberán ir destinados tamén á recuperación da cultura e das súas industrias.

Entre as novas medidas, anunciou a elaboración de dous novos proxectos normativos: a lei de transformación dixital da cultura, para impulsar os servizos deste tipo, e a lei de inclusión e accesibilidade cultural, para seguir afondando no dereito irrenunciable nunha sociedade moderna de que todas as persoas poidan participar na vida cultural.

Avanzarase tamén na elaboración de plans sectoriais para a proxección exterior da cultura galega, o apoio aos novos creadores, a dinamización e innovación no medio rural, a formación dos profesionais, a dinamización da lectura e a construción da Memoria Dixital de Galicia. Así mesmo, abriranse espazos de encontro, debate, reflexión e toma de decisión e consolidarase o papel da Cidade da Cultura como factoría de creación de contidos para toda a Comunidade e como centro de estudos e investigación do patrimonio, faceta que se concentrará no novo Edificio Fontán.

Interactuar en galego tamén en internet

Por outra banda, avanzarase nun dos retos fundamentais para a lingua galega no século XXI, o de participar dos novos desenvolvementos tecnolóxicos “que permitan interactuar en galego no mundo dixital”, explicou o representante autonómico, quen lembrou que esta será a lexislatura na que España, co impulso de Galicia, entre a formar parte da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

O conselleiro quixo salientar entre as novidades no eido das industrias culturais o desenvolvemento, por primeira vez, dun programa destinado ao ámbito dos videoxogos, a posta en marcha dunha liña de apoio sostible aos cines ou o Plan de Danza, medidas acompañadas do reforzo da estrutura de xestión da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dada a súa capacidade de apoio aos profesionais, así como das súas diferentes unidades de produción que son unha peza esencial.

“Contamos tamén –destacou– cun proxecto integrador e transversal, o hub das industrias creativas, que deberá crear sinerxías positivas entre o sector e facilitar o desenvolvemento de iniciativas e que contará cun investimento de 9,6M€”.

O compromiso coa protección e a posta en valor do legado cultural verase reforzado co Plan Catedrais 2021-2027, dirixido principalmente aos templos de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, unha vez que o 2021 ten como fito a Catedral de Santiago, recoñecida como unha referencia mundial en rehabilitación patrimonial. Así mesmo, o Goberno autonómico seguirá cumprindo o Plan de BIC (Bens de Interese Cultural) do Camiño de Santiago, para o que volveu a reclamar o compromiso do Goberno central; traballará por facer das Torres de Meirás un espazo vivo aberto á cidadanía e seguirá avanzando nas tres candidaturas galegas que aspiran a ser Patrimonio Mundial da Unesco.

Dez novos graos e 15 másteres

O conselleiro quixo tamén salientar que as universidades públicas “teñen e terán garantido o seu futuro” a través do novo sistema de financiamento para o período 2022-2026, que blindará a achega da Xunta, permitiralles realizar unha mellor planificación e “formar aos profesionais que necesita Galicia na vindeira década”, eido no que cumprirá un papel esencial o deseño do novo mapa de titulacións, con 10 novos graos e 15 másteres que actualicen a oferta acordada no ano 2017.

Ademais, deseñarase unha nova carreira científica no SUG, que potencie e dea estabilidade aos investigadores universitarios e aproveite a potencialidade da Rede CIGUS de Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego, co obxectivo de seguir avanzando na captación de talento “desde o convencemento de que a investigación é un elemento fundamental para a reactivación de Galicia”.

“Desde a cultura e a educación podemos acadar novos niveis de desenvolvemento e progreso para os galegos”, subliñou o conselleiro, que se comprometeu a “seguir traballando para impulsar a cultura, o patrimonio e a lingua porque é unha riqueza que merece a pena conservar e potenciar, e para reforzar un modelo educativo e universitario propio e diferenciado que abrirá novas oportunidades aos mozos”.

Imaxes relacionadas