ADOS chama á comunidade universitaria a doar sangue para superar as 2.083 doazóns acadadas na primeira fase da campaña nas universidades galegas e renovar a base de doantes

No transcurso dos meses de setembro a novembro, rexistrouse un 37,4% de membros da comunidade universitaria que doaban sangue por vez primeira

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere amosar o seu agradecemento a todas e todos os membros da comunidade universitaria, pola súa participación na primeira fase da campaña de doazón nos sete campus galegos e que supuxo acadar unha cifra de 2.083 doazóns, das cales 780 (un 37%) correspondían a persoas que doaban por vez primeira.

ADOS principia, no presente mes de marzo, a segunda fase da campaña especial de doazón de sangue na Universidade, que se prolongará ata o vindeiro mes de maio, marcándose como obxectivo de renovar a base de doantes e superar ás 4.601 doazóns recollidas no pasado ano académico, e que, debido ao duro confinamento, motivou a cancelación da segunda fase da campaña no pasado curso académico.

Esta participación, condicionada polas circunstancias actuais de pandemia, supón para ADOS un motivo para reforzar o programa de captación de doazóns no eido universitario, aumentando as facilidades e os protocolos de seguridade para acadar un aumento na participación do colectivo universitario que sempre ten amosado a súa faciana máis solidaria.

A seguinte taboa recolle a distribución da participación nos sete campus galegos, así como o número de novos doadores e doadoras:

 

CAMPUS
DOAZÓNS

NOVOS DOADORES

A CORUÑA
595
198
FERROL
82
39
LUGO
142
37
PONTEVEDRA
108
24
OURENSE
153
59
SANTIAGO
656
274
VIGO
347
146
TOTAL
2.083
780

Primeira doazón

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido educativo, tanto en centros de educación non universitaria como universitaria xa que, para moitos mozos e mozas, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue.

Así mesmo, e debido á situación sanitaria que estamos a vivir, ADOS está a facer un importante reforzo dos protocolos de seguridade e a facilitar o acceso do colectivo universitario ás campañas de doazón, polo que, no transcurso desta segunda fase, facilitase un código QR para poder obter máis información sobre o proceso de doazón, requisitos para doar sangue e medidas de seguridade. Ademais, as persoas que desexen participar tamén poden, sí así o desexan, solicitar cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828.

No transcurso da presente semana, as unidades móbiles da Axencia de Doazón, Órganos e Sangue (ADOS) visitarán os seguintes centros de ensino universitario:

 

DATA
LUGAR
Martes 9 de marzo

Facultade de Fisioterapia-Facultade de Ciencias da Saúde e EU Enfermaría (A Coruña), Escola Politécnica Superior (Lugo) e Facultade de Económicas e Empresariais (Santiago)

Mércores 10 de marzo

Facultade de Fisioterapia-Facultade de Ciencias da Saúde e EU Enfermaría (A Coruña), F. Belas Artes -Escola Restauración (Pontevedra) e Facultade de Dereito (Santiago)

Xoves 11 de marzo

ETS Camiños, Canais e Portos (A Coruña) e Facultade de Formación Profesorado (Lugo)

Nas xornadas previas ao desenvolvemento da cada campaña, impartiranse breves charlas didácticas para fomentar a participación e todas as persoas que realizaron unha doazón de sangue no transcurso da primeira fase recibirán un SMS o día anterior á chegada da unidade móbil ata o seu centro académico.

Doazón de medula ósea

Esta iniciativa, que se prolongará ata o vindeiro mes de maio, é posible grazas á colaboración que brindan os reitores das tres universidades, así como os decanos e directores de todos os centros educativos, membros da comunidade universitaria (PAS, alumnos e alumnas....). Ademais, estase a levar unha intensa campaña informativa e de captación de doantes de medula ósea no eido universitario e deseñouse un agasallo específico para todos os estudantes que participen e pasen a formar parte da actual base de doantes de medula ósea en Galicia.

Así mesmo, na actual fase da campaña de doazón engadiuse no refrixerio unha peza de froita cun envase que conta cun codigo QR que poden descargar para obter toda a información que desexan sobre a doazón de medula ósea.

ADOS quere reiterar o agradecemento a todas e todos os membros da comunidade universitaria a súa colaboración, ao tempo que reitera o seu compromiso co labor educativo e de sensibilización que se levan a cabo nas Universidades.

 

Imaxes relacionadas