A Xunta destaca en Lalín o papel da muller galega e a súa capacidade para innovar e acadar unha sociedade máis equitativa

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega dos galardóns do XV Premio ás Mulleres Dona Maruja Gutiérrez 2021 organizados polo Concello lalinense para visibilizar e distinguir a profesionalidade e a capacidade de iniciativa empresarial das mulleres

López Abella apuntou, como motivo do Día Internacional da Muller, a necesidade de seguir traballando “sen dar un paso atrás” na loita pola igualdade real

Sinalou a importancia da formación en igualdade desde idades temperás e o “firme compromiso” da Xunta coa sociedade galega en prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres
 

Lalín (Pontevedra), 8 de marzo de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Lalín na entrega dos galardóns do XV Premio ás Mulleres Dona Maruja Gutiérrez 2021, que organiza cada ano o Concello de Lalín para visibilizar e distinguir a profesionalidade e a capacidade de iniciativa empresarial das mulleres. Con motivo do 8-M, o Día Internacional da Muller, López Abella destacou a necesidade de seguir traballando “sen dar un paso atrás” na loita pola igualdade real, ao tempo que puxo en valor o papel da muller galega e a súa capacidade para innovar e acadar unha sociedade máis xusta, máis igualitaria, máis inclusiva, máis cohesiva e máis competente. “Hoxe é un día de recordo e de recoñecemento ao legado da coraxe, sabedoría e independencia que nos entregaron as novas pioneiras”, apuntou.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou, así mesmo, a importancia da formación en igualdade desde idades temperás e ratificou o “firme compromiso” da Xunta coa sociedade galega en prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. Neste senso, indicou que unha sociedade que se defina como xusta, social e economicamente desenvolvida non pode consentir que sigan existindo desigualdades e discriminación en razón do sexo e resaltou a importancia de desenvolver programas que fomenten “de xeito decidido” a corresponsabilidade e a conciliación.

Segundo afirmou López Abella, a Xunta “ten claro” que hai que seguir incidindo en medidas que xa está desenvolvendo como é o Plan autonómico de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 ou o Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020. Os dous son instrumentos que permiten ao Goberno galego articular as políticas públicas necesarias para reforzar as medidas dirixidas á eliminación das distintas brechas de xénero e sentar os cementos para conseguir novos avances en materia de igualdade.

A secretaria xeral da Igualdade, ademais, puxo en valor os programas Aprende cas mulleres galegas e Coñecendo as nosas deportistas para afondar na vida de mulleres referentes de Galicia, pertencentes a todos os ámbitos.

Para rematar, afirmou que nun ano tan complicado, no que a crise sanitaria da covid-19 está poñendo a proba a toda a poboación mundial, as mulleres galegas están a desempeñar un papel crucial achegando o seu talento, traballo e liderado en sectores clave: como traballadoras dos ámbitos sanitario, científico e educativo; servizos sociais e ámbito asistencial; nos sectores da alimentación e transporte; innovan e dixitalizan pequenas e medianas empresas das que dependen economicamente moitas das familias galegas no rural e na cidade; asumen decisións en postos de responsabilidade e seguen a coidar de moitos dos nosos nenos, nenas e maiores.

Conseguir a igualdade real e efectiva, superar os estereotipos de xénero, corrixir a desigual distribución dos roles na sociedade e eliminar os obstáculos que impiden ás mulleres o pleno desenvolvemento profesional e persoal son obxectivos e prioridades do Goberno galego, segundo López Abella, que requiren do compromiso e implicación de toda a sociedade, organizacións e institucións de Galicia.