Feijóo enxalza a traxectoria das galardoadas coas medallas Pardo Bazán que representan o destino propio de moitas mulleres libres, iguais e fraternas

Se ben aínda queda moito por andar, subliña que o afianzamento do autogoberno galego avanza en paralelo co empoderamento da muller galega

Salienta que os grandes avances e os máis perdurables son os que xorden de sumar, de integrar vontades; e recorda que Pardo Bazán foi un exemplo dese ánimo integrador, construíndo un feminismo amplo, que incorpora aportacións de todo tipo, tanto de mulleres como de homes
 

A Coruña, 8 de marzo de 2021

“Emilia Pardo Bazán pedía un destino propio para as mulleres. E os premios deste ano son para tres destinos que agrupan a moitas mulleres libres, iguais e fraternas”. Con estas palabras, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a traxectoria das galardoadas coas medallas Emilia Pardo Bazán 2020; unhas premiadas, dixo, que proban ademais que as ideas que suman, multiplican os seus efectos.

Deste xeito, referiuse a Megumi Shiozawa, empresaria, tradutora e consultora, que estableceu un nexo “apaixonante” entre o Camiño de Santiago e o xaponés Kumano Kodo, ambos Patrimonio da Humanidade. “A galega nada no Xapón que lucía un sorriso perpetuo, nos leva a un destino empeñado en tender unha ponte entre terras distantes nas que ela atopa sentimentos comúns”, engadiu, a xeito de lembranza.

No tocante á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, que integra na actualidade a 7.000 mulleres do medio rural ourensán, Feijóo afirmou que poucas preocupacións escapan ao seu intenso traballo: atención á comunidade rural, a inmigrantes, a persoas sen recursos, á protección do medio ambiente, sen esquecer a infancia e a xuventude. “A Federación, presidida por Isabel Garrido Blanco, pula polo benestar e a calidade de vida das mulleres do rural mediante o fomento da educación e a empregabilidade”, resaltou.

Así mesmo, aseverou que hai dúas palabras que definen o labor da Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra Os Malos Tratos, de Vigo: acompañamento social. “Estamos a falar dunha asociación que difunde principios de igualdade, forma en materia de xénero e violencia de xénero, asiste ás mulleres afectadas e promove a súa reincorporación psico-social”, explicou, incidindo en que a Rede envía unha mensaxe fundamental na loita contra esta lacra: a agredida ten detrás de si a todas as mulleres, e con elas a toda a sociedade.

Se ben aínda queda moito por andar, o presidente da Xunta subliñou que o afianzamento do autogoberno galego avanza en paralelo co empoderamento da muller galega: “Ao longo destes anos, Galicia edifica un modelo de convivencia composto por elementos diversos que dialogan constantemente”, dixo, subliñando que entre eles figura, en lugar senlleiro, a reivindicación da condición feminina en todos os ámbitos e esferas de actividade.

Feijóo concluíu recordando a figura de Emilia Pardo Bazán, que foi construíndo un feminismo amplo, que incorpora aportacións de todo tipo, tanto de mulleres como de homes. “Tendo a Emilia Pardo Bazán como referente, o feminismo é sinónimo de valores universais que comparten homes e mulleres. E os grandes avances e os máis perdurables son os que xorden de sumar, de integrar vontades”, aseverou, facendo fincapé en que Pardo Bazán foi un exemplo dese ánimo integrador.
 

Imaxes relacionadas