Luis López visita ao balonmán Atlético Guardés e cualifica ao club de “orgullo de Galicia e exemplo de superación e loita pola igualdade”

O delegado territorial acude a un encontro coa directiva, o adestrador e a plantilla para departir sobre a gran tempada que están a realizar e entregarlles uns obsequios da Secretaría Xeral da Igualdade

O representante autonómico cre que o traballo do Guardés “debe ter a máxima difusión e visibilización” para avanzar na igualdade de xénero e deséxalle sorte para as semifinais da EHF European Cup e a Fase polo Título da Liga Guerreras
 

A Guarda, 8 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta tarde, no Pavillón da Sangriña, ao Balonmán Atlético Guardés e calificou a este clube feminino de “orgullo de toda Galicia e exemplo constante de superación e loita pola igualdade”.

O representante autonómico mantivo un encontro coa directiva, encabezada por Jesús López, o adestrador José Ignacio Prades, e a plantilla, que veñen de regresar do seu encontro contra o Málaga para poñer fin á primeira fase da Liga Guerreras de División de Honra, e entregoulles uns obsequios da Secretaría Xeral da Igualdade en recoñecemento á súa gran tempada, ao seu esforzo constante e a ser un dos mellores e máis representativos clubes de Galicia.

O delegado territorial insistiu en que o traballo realizado polo Atlético Guardés dende a súa fundación en 1967 e, xa coa actual denominación en 1971, “debe ter a máxima difusión e visibilización para ser un exemplo para a sociedade e avanzar máis rápido cara a consecución da igualdade de xénero, xa que leva máis de medio século facendo as cousas ben e rompendo todos os teitos de cristal e as barreiras que sofre o deporte feminino”.

Así, lembrou que todo este traballo “tivo unha especial recompensa na última década”, na que o equipo, do que tamén destacou o labor que fai coa canteira, acadou o ascenso á División de Honra (2012), conseguiu praza para a EHF Champions (2013), gañou o Campionato de Liga (2017) e vén de clasificarse o pasado mes de febreiro, por vez primeira, para unhas semifinais dunha competición continental.

Luis López animou ao equipo tras a derrota sufrida esta fin de semana en Málaga para pechar a primeira fase da Liga Guerreras, “que non empaña para nada a magnífica tempada do clube”, e incluso destacou que o Guardés finalizou na segunda praza do seu grupo, só por detrás do potente Bera Bera, “polo que ten todas as opcións abertas na loita polo título que comezará o vindeiro 22 de marzo”.

O delegado territorial rematou o seu encontro cos representantes e as xogadoras do Guardés desexándolles “a máxima sorte” na fase polo campionato da División de Honra e, especialmente, nas semifinais da EHF European Cup que disputarán contra o Málaga a dobre volta os días 28 de marzo e 3 de abril. “A toda Galicia faríalle moita ilusión que se clasificaran para a final europea en maio e eu serei o primeiro que as estarei alentando e animando para que acaden este fito histórico”, concluiu.

O clube guardés está patrocinado pola Xunta de Galicia e recibiu, ao abeiro de distintas liñas, incluíndo axudas e equipamentos, 75.863€ o pasado ano e está previsto que, no presente exercicio, se destinen 24.000€ á mellora do videomarcador e se executen outras melloras no pavillón da Sangriña.
 

Imaxes relacionadas