Luis López reúnese cos alcaldes de Ribadumia e Vilanova de Arousa para abordar a mellora do bombeo e colector de Cabanelas

O delegado territorial da Xunta trasladará a Augas de Galicia a solicitude desta actuación, solicitada polos dous rexedores arousáns

O proxecto, cun orzamento próximo ao millón de euros, ten por obxectivo modernizar a rede de saneamento nestes concellos e no de Cambados e evitar vertidos á ría
 

Pontevedra, 8 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de reunirse cos alcaldes de Ribadumia e Vilanova de Arousa, David Castro e Gonzalo Durán, para abordar a posibilidade de acometer un proxecto de mellora do bombeo e colector de Cabanelas, que modernizaría o sistema de saneamento nestes dous concellos e no de Cambados.

A Xunta de Galicia ten en marcha, ao abeiro do Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa, as remodelacións dos sistemas de Vilanova de Arousa e Cambados con dúas actuacións que xa contan con financiamento e que superan os 5,5 millóns de euros. Sen embargo, para acadar unha maior eficiencia no sistema de sumidoiros da bisbarra do Salnés é preciso mellorar a situación augas arriba, evitando que se produzan vertidos en Ribadumia, xa que afectan aos veciños deste concello e, indirectamente, aos dos outros dous termos municipais.

Para iso, o representante autonómico, que aceptou a petición de reunión cursada por estes dous rexedores nas visitas que realizou nestas semanas a estes concellos, atendeu a súa solicitude e informoulles de que vai trasladar a Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a solicitude desta actuación, para abordar as posibilidades da súa execución.

Case 30.000 beneficiarios

“Trátase dunha proposta que tería un orzamento estimado dun millón de euros e un prazo de execución moi razoable, en torno a seis meses, e cremos que pode ser viable para evitar vertidos en Ribadumia e modernizar deste xeito o saneamento nestes tres concellos arousáns beneficiando a unha poboación de 29.065 habitantes”, explicou Luis López tras a xuntanza de traballo no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra.

A actuación no colector de Cabanelas, que actualmente recolle augas residuais domésticas e industriais, consistiría na modificación do trazado de impulsión, a construción dunha rede de canalizacións de case dous quilómetros e outras obras para que o seu caudal evite, como fai na actualidade, o bombeo de Barrantes e se derive directamente na EDAR de Ribadumia.

Deste xeito, e reducindo as filtracións de augas limpas que colapsan o sistema, incrementaríase a eficiencia do sistema de saneamento dos tres concellos, evitaríanse os vertidos en Ribadumia e liberaríase a capacidade máxima da depuradora cambadesa de Tragove.

 

Imaxes relacionadas