Luis López destaca a “máxima implicación na educación en igualdade” do ensino público galego na súa visita ao CPI O Progreso de Catoira

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra louva o traballo do centro, acompañado do alcalde, Alberto García, despois de que os seus alumnos de 1º de Primaria gañasen o concurso rexional de carteis para a campaña do 8 de marzo

O representante autonómico sinala que a educación “é a chave para conseguir unha sociedade igualitaria” e revela que Galicia ten o alumnado máis informado en igualdade de xénero de toda España, segundo os datos do Informe PISA

Catoira, (Pontevedra) 8 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe a “máxima implicación na educación en igualdade e a absoluta sensibilización na construción dunha sociedade en equidade” do ensino público galego na súa visita ao CPI O Progreso de Catoira, realizada despois de que o centro fora premiado no certame escolar con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, organizado polo executivo galego.

O representante autonómico achegouse ata o colexio para felicitar á comunidade educativa e, especialmente, aos cativos de 1º de Primaria, que gañaron nunha das tres categorías do concurso de carteis impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade e que recibiron o seu galardón o pasado venres na Cidade da Cultura de mans da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Estivo acompañado polo alcalde, Alberto García.

O traballo dos rapaces de Catoira, que venceu na modalidade de 1º a 4º de Primaria entre as 123 propostas presentadas procedentes de centros de toda Galicia, ten unha gran visualidade e simbolismo e está acompañado do lema Pasiño a pasiño en pro da igualdade.

O delegado territorial louvou o traballo do colexio O Progreso para avanzar na consecución da igualdade de xénero e exemplificouno na concesión deste galardón, “xa que demostra que os alumnos e alumnas teñen presentes os conceptos e xa forman parte deles, algo que é fundamental porque se a igualdade e o respecto aos demais saen de dentro dun mesmo, estarán connosco toda a nosa vida”.

Luis López, que tamén destacou a importancia do certame da Xunta para afondar na sensibilización “nesta cuestión vital”, puxo en valor o sistema educativo galego, xa que ”é un dos primeiros de toda Europa que conta con dúas materias de libre configuración sobre igualdade, como Igualdade de Xénero para 1º e 2º de Secundaria e Co-educación para o século XXI en Bacharelato, e ademais conseguiu que os estudantes sexan os máis informados en igualdade de xénero de toda España, segundo os datos oficiais do derradeiro Informe PISA”.

Imaxes relacionadas