A Xunta licita as obras de mellora de firme en 4 estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal cun investimento de 1,4 M€

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 5 de abril

As obras, que comezarán no verán, efectuaranse nas estradas AC-101, AC-546, AC-566 e AC-861, nos concellos de Cedeira, Ortigueira, Cabanas, A Capela e As Pontes

Os traballos inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento de interseccións, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización

A Xunta continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras de mellora de firme en catro estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, cun investimento de case 1,4 millóns de euros.

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, cun prazo para a presentación de ofertas que remata o vindeiro 5 de abril.

Estas actuacións, que se prevén iniciar no verán, consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas AC-101, AC-546, AC-566 e AC-861, ao seu paso polos concellos de Cedeira, Ortigueira, Cabanas, A Capela e As Pontes.

De modo máis concreto, na estrada AC-101, actuarase entre os puntos quilométricos 1+300 e 29+607; na AC-546, entre o 0+060 e o 26+030; na AC-566, entre o 30+500 e o 41+560; e na AC-861, entre o 20+920 e o 24+860.

Os traballos inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento dalgunhas interseccións, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización.

Segundo o treito, levaranse a cabo traballos de fresado de 6 cm e a posterior reposición co mesmo espesor con aglomerado. Ademais, estenderase microaglomerado en frío para a mellora na adherencia nas curvas.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.