A Delegación da Xunta en Pontevedra reafirma o seu compromiso para a consecución da igualdade das mulleres nos actos do 8 de marzo

O delegado territorial, Luis López, a secretaria territorial, Marta Iglesias, e a xefa territorial de Sanidade, Natalia Botana, dan lectura á declaración institucional polo Día Internacional da Muller na explanada do edificio administrativo

O representante autonómico sinala que o enfoque de xénero “é un dos piares das políticas e das accións de goberno que está a desenvolver a Xunta para acadar unha sociedade sen discriminacións, porque sen mulleres non hai Galicia”

Pontevedra, 8 de marzo de 2021

A delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra reafirmou este mediodía o seu “compromiso inquebrantable e irrenunciable para a consecución da igualdade das mulleres” con motivo dos actos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, que se celebrou de xeito sinxelo coa lectura da declaración institucional do Goberno galego na explanada do edificio administrativo de Campolongo para cumprir escrupulosamente coas medidas de seguridade sanitaria fronte á covid-19.

O texto foi leido conxuntamente polo delegado territorial, Luis López, a secretaria territorial, Marta Iglesias, e a xefa territorial de Sanidade, Natalia Botana, e confirma o propósito do executivo autonómico de adoptar normativas que impulsen e garantan activamente a igualdade e de implantar políticas públicas de equidade no marco da Axenda 2030.

A declaración inclúe unha relación parametrizada das desigualdades que seguen a sofrer as mulleres en distintos eidos da vida, o papel crucial que están a xogar as mulleres no marco da crise sanitaria da covid-19, as fendas salariais e as discriminacións que padecen no ámbito laboral derivadas, entre outros, dos problemas de conciliación e corresponsabilidade e, finalmente, a terrible lacra da violencia machista e a súa necesaria erradicación inmediata.

“Moito temos avanzado en pro da igualdade nos últimos anos, algo que afortunadamente é palpable na nosa sociedade, pero tamén é ben certo que por desgraza aínda queda moito por conseguir para gozar dunha sociedade en igualdade na que as mulleres ocupen o papel que lle corresponde”, significou Luis López, que destacou que o enfoque de xénero “é un dos piares das políticas e das accións que está a desenvolver a Xunta de Galicia para acadar unha sociedade igualitaria e sen discriminacións, porque está clarísimo que sen mulleres non hai Galicia”.

Ademais, o delegado territorial reclamou a implicación e colaboración decidida de todos os cidadáns, organizacións e institucións para conseguir a igualdade real e efectiva, superar os estereotipos de xénero, corrixir a desigual distribución dos roles na sociedade e eliminar os obstáculos que impiden ás mulleres conseguir o pleno desenvolvemento profesional e persoal.

Imaxes relacionadas