A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde, Telmo Martín, presentou a nova actuación da Xunta coincidindo coa licitación hoxe dos traballos

Ethel Vázquez destaca o investimento de 335.000€ na mellora da conexión da vía rápida do Salnés coa PO-504 en Sanxenxo coa fin de mellorar a fluidez de tráfico e reducir os atascos do verán

As empresas interesadas en acometer esta actuación teñen ata o 5 de abril para presentar as súas ofertas, co obxectivo de poder iniciar as obras despois do verán

Executarase un novo ramal para os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo para enlazar coa PO-540, substituíndo ao actual

Ampliarase a plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e habilitarase un carril de acceso directo adicional, complementándose con outras actuacións de reforzo da seguridade

A conselleira apunta que esta mellora inmediata da circulación de tráfico é compatible cunha solución para a ampliación da vía rápida de xeito acorde coa imprescindible preservación dos valores ambientais do ámbito

Subliña que a Xunta continúa a traballar co obxectivo de atopar unha fórmula axeitada para acometer a ampliación, dentro do compromiso coa mellora das comunicacións e da seguridade viaria do Salnés

Salienta os máis de 10,5 M€ investidos pola Xunta na transformación da estrada PO-308, que terá continuidade con outro proxecto de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na PO-504, cun investimento de 1M€

Sanxenxo (Pontevedra), 8 de marzo de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o investimento de 335.000 euros nas obras de mellora da conexión da vía rápida do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo coa fin de mellorar a fluidez do tráfico e reducir os atascos do verán.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde, Telmo Martín, presentou esta nova actuación da Xunta no municipio, coincidindo coa licitación das obras, hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia, por importe de 318.000 euros. Tendo en conta as expropiacións, o investimento da Xunta elévase ata os 335.000 euros.

As empresas interesadas en levar a cabo estes traballos teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 5 de abril. O obxectivo da Xunta é poder iniciar as obras despois do verán.

Segundo precisou Vázquez Mourelle, trátase de actuar nunha zona na que actualmente os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo, acceden ao enlace coa estrada PO-504 a través dun ramal que ten moi pouco radio de xiro e regulado por un stop. Iso provoca que, nas xornadas de moito tráfico procedente das praias, se xeran retencións que, en ocasións, chegan ata o tronco da vía rápida e dificultan a circulación.

Explicou que para evitar este problema, a Xunta prevé optimizar a conexión dese ramal de saída ao enlace coa PO-504. Para iso, construirase un novo ramal de saída, cun radio de xiro axeitado, que vai substituír o actual e vai permitir eliminar o stop.

Ademais, ampliarase a plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e habilitarase un carril de acceso directo adicional.

As obras complementaranse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos no ramal entre glorietas.

A conselleira de Infraestruturas destacou que esta conexión da vía rápida coa estrada que vai a Sanxenxo permitirá gañar en capacidade, o que suporá unha mellora considerable do fluxo de tráfico nesta zona de gran atractivo turístico.

Ethel Vázquez indicou que a actuación prevé levarse a cabo de forma compatible e paralela dunha solución para a ampliación da vía rápida do Salnés, de modo acorde coa imprescindible preservación dos valores ambientais do ámbito.

A este respecto lembrou que se trata dunha das zonas de Europa que concentra máis figuras de protección ambiental e que a lexislación actual dificulta e limita as posibilidades de actuación sobre o territorio. A titular de Infraestruturas sinalou que a Xunta continúa traballando co obxectivo de atopar unha fórmula axeitada para acometer a ampliación, dentro do compromiso coa mellora das comunicacións e da seguridade viaria do Salnés.

Puxo como exemplo deste compromiso os máis de 10,5 millóns de euros investidos na transformación da vía PO-308 nunha estrada segura para peóns e condutores. Avanzou, ademais, que esta aposta da Xunta terá continuidade con outro proxecto de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na PO-504, que suporá un investimento de 1M€.

Imaxes relacionadas