O presidente da Xunta visitou hoxe o primeiro inmoble recuperado con cargo ao programa Rexurbe en Ferrol

Feijóo destaca un investimento de 10 millóns de euros no programa Rexurbe para a rehabilitación de 19 inmobles en Ferrol

Salienta que estes inmobles albergarán 38 vivendas protexidas en 4 locais comerciais no barrio de Ferrol Vello

Ofrece ao Concello máxima colaboración da Xunta para que solicite a declaración dunha Área Rexurbe para Ferrol

Garante o compromiso do Executivo galego con Ferrol: “cun Ferrol rehabilitado, máis social, máis sanitario, cunha ría saneada e recuperada e máis universitario”

Ferrol, 8 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de 10 millóns de euros para a rehabilitación de 19 inmobles en Ferrol, dos cales tres millóns de euros están xa orzamentados para este ano 2021.

Durante unha visita ao primeiro inmoble recuperado con cargo ao plan Rexurbe en Ferrol, o edificio de Argüelles, 1, Feijóo aseverou que o obxectivo destes programas é a recuperación de conxuntos históricos especialmente degradados, desde o punto de vista arquitectónico e social. Deste xeito, ademais deste edificio que xa está rematado, este ano comezará a rehabilitación doutros 13; así, hoxe mesmo licitaranse as obras de tres inmobles na rúa Carme Curuxeiras e dun na rúa Rastro, na esquina coa praza Vella, e solicitarase licencia ao Concello para outros dous, na rúa Benito Vicetto e na rúa Castro.

Así mesmo, destacou que con estes inmobles porase á disposición dos veciños 38 novas vivendas protexidas e 4 locais comercias, que se ofertarán para a implantación de iniciativas empresariais.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico referiuse tamén aos traballos executados a través das catro Áreas de Rehabilitación Integral: Madalena e Ferrol Vello, A Graña, Esteiro Vello e Recimil. Nelas hai actualmente en execución preto de cinco millóns de euros, chegando a unha mobilización total de 7,8 millóns de euros, entre actuacións rematadas e fondos actualmente asignados.

Na actualidade o Programa Rexurbe está actuando en 9 localidades –Lugo, Mondoñedo, Vilalba, Viveiro, Ourense, Ribadavia, Tui e Betanzos-, onde hai actuacións rematadas, en curso ou previstas en 59 inmobles xa adquiridos coa previsión de obter máis de 100 vivendas, que se destinarán a aluguer en condicións vantaxosas.

Feijóo incidiu en que o obxectivo de revitalizar unha zona degradada precisa da implicación de todos os axentes. E, nesta liña ofreceu ao Concello a máxima colaboración da Xunta para que solicite a tramitación dunha Área Rexurbe para Ferrol, unha figura creada pola Lei de Rehabilitación, co fin de rexenerar espazos públicos e habilitar axudas públicas para actuacións de rehabilitación en zonas delimitadas, declaradas de interese autonómico en base a un plan de actuación aprobado.

“Estamos a falar dunha iniciativa a través da cal non só se actúa rehabilitando edificios ou espazos, senón que tamén se establecen medidas para a contención do despoboamento, o desenvolvemento económico e o fomento e a concienciación sobre a importancia da rehabilitación”, abundou, lembrando que en Galicia hai xa tres Áreas Rexurbe, declaradas en 2020 –en Mondoñedo, na Coruña e en Ribadavia-.

Segundo recordou o presidente do Goberno galego, todas estas iniciativas forman parte do Pacto Social pola Vivenda, asinado o 20 de xaneiro cos principais axentes do sector. Unha folla de ruta para os próximos cinco anos, que aspira a mobilizar 1.080 millóns de euros, dos cales máis de 433 serán investidos directamente pola Xunta; e que beneficiará a máis de 70.000 familias, ademais de contribuír a xerar ou manter aproximadamente 30.000 postos de traballo.

Feijóo concluíu garantindo o compromiso do Executivo galego con Ferrol; “cun Ferrol rehabilitado, máis social, máis sanitario, cunha ría saneada e recuperada e máis universitario”, dixo, incidindo na importancia de que o Goberno central cumpra tamén coa comarca, referíndose á necesaria carga de traballo para Navantia ou á situación que atravesan as instalacións industriais de Endesa, nas Pontes, e de Siemens Gamesa, nas Somozas.

Imaxes relacionadas