Os concellos poderán solicitar desde mañá as axudas da Xunta para crear ou mellorar infraestruturas municipais

O DOG publica hoxe as bases e a convocatoria desta orde de subvencións, dirixida a municipios de menos de 20.000 habitantes e dotada de 2,3 millóns de euros

A finalidade é contribuír a humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando infraestruturas e servizos e mellorando a calidade de vida dos veciños

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes. Dotada dun orzamento de 2,3 millóns de euros (1,36 millóns para a anualidade 2021 e 0,95 millóns para 2022), esta liña de subvencións ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

A partir de mañá e ata o vindeiro 8 de abril as entidades locais interesadas e que cumpran todos os requisitos poderán optar a unha axuda económica equivalente ao 70% do custo total da actuación subvencionable. A contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).

A orde convócase por concorrencia non competitiva, o que significa que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a orde de entrada e ata esgotar o crédito dispoñible.

Serán subvencionables os investimentos destinados á creación ou mellora de infraestruturas, dotacións e instalacións vinculadas á prestación dos servizos municipais consistentes na humanización e mellora urbana de rúas ou de espazos públicos.

Ademais, como novidade, tamén se incorpora como requisito para optar á axuda que as obras cumpran as recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan Estratéxico da Paisaxe Galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.

Concretamente, inclúense nas mesmas as actuacións de humanización de rúas e espazos públicos que supoñan aumentar a superficie para o seu uso polos viandantes, así como obras de mellora para a dotación de redes de servizos urbanos, reforma ou formación de beirarrúas en vías de titularidade pública, supresión de barreiras arquitectónicas e, en xeral, calquera intervención que mellore a utilización polas persoas dos espazos públicos.

Ademais, cada entidade local só poderá solicitar axuda para unha única actuación que encaixe nalgunha das descritas anteriormente. As obras subvencionables deberanse iniciar este ano. En canto aos prazos para completar a súa execución, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables irá do 1 de xaneiro de 2021 ao 31 de outubro de 2022, aínda que os prazos concretos dependerán de se as axudas concedidas contemplan a súa distribución nunha soa anualidade ou en dúas.

Aposta pola colaboración cos concellos

Cómpre subliñar que esta orde de subvencións enmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística. De feito, nos orzamentos de 2021 ten reservados máis de 7,4 millóns para actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Unha parte destes fondos destinarase a cofinanciar proxectos municipais a través da sinatura de convenios cos concellos no marco do Plan Hurbe, un programa posto en marcha en 2010 e a través do cal a Xunta executou ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de municipios; e a outra, á convocatoria da orde de axudas dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes que foi convocada hoxe.

Imaxes relacionadas